A portavoz socialista denuncia que a actual rexedroa pretende agochar a súa responsabilidade tras unha proposición política e paralizar o procedemento legal que permitiría aboar 542 facturas pendentes
O PSOE advirte de que a negativa do Goberno local impedirá que empresas e autónomos cobren, como mínimo, ata o mes de outubro, agravando o prexuízo para a economía local
González Abelleira: “Candia utilizou durante anos os reparos de legalidade como arma política e agora bloquea de facto a economía local para non asumir a responsabilidade que lle corresponde”
A portavoz adxunta do Grupo Municipal Socialista, Ana González Abelleira, acusou hoxe á Candia de manter bloqueado deliberadamente o pagamento de máis de 2,7 millóns de euros correspondentes a 542 facturas co único obxectivo de reservar eses recursos económicos para outros fins políticos, mentres centos de provedores continúan sen cobrar polos traballos e servizos xa prestados ao Concello.
Segundo explicou a edil socialista, o Goberno municipal négase a tramitar o procedemento administrativo previsto na normativa para levantar os reparos, realizar a correspondente imputación orzamentaria e proceder ao pagamento das facturas. No seu lugar, pretende trasladar esa responsabilidade ao Pleno mediante unha proposición política totalmente esteril que”non é máis ca unha cortina de fume para evitar asumir unha decisión que a lei atribúe ao Goberno municipal.
“Candia está escondéndose detrás dos grupos políticos para non facer o que lle corresponde como alcaldesa. Pretende converter unha responsabilidade administrativa propia nun debate político para repartir o desgaste e evitar asumir as consecuencias da súa decisión”, afirmou González Abelleira.
A portavoz socialista advertiu de que esta decisión terá consecuencias directas sobre a economía da cidade. “A negativa de Candia a seguir o procedemento legal supón que estas 542 facturas non poderán abonarse, como mínimo, ata o próximo mes de outubro. Estamos falando de autónomos, pequenas empresas e provedores que cumpriron coa súa obriga e que agora ven como o Concello lles bloquea o cobro por unha decisión exclusivamente política”, denunciou.
Para González Abelleira, a actuación do Executivo municipal responde a unha estratexia perfectamente calculada. “Mentres se nega a tramitar o expediente que permitiría pagar aos provedores, mantén dispoñibles eses recursos para destinalos a outras actuacións que considera máis rendibles desde o punto de vista político. É unha forma absolutamente irresponsable de xestionar os cartos públicos. Candia bloquea a economía local para preservar os seus intereses políticos”, asegurou.
A edil lamentou que sexan as empresas lucenses as que acaben soportando as consecuencias desta decisión. “Detrás destas facturas hai salarios, investimentos, impostos e actividade económica. Cada día que pasa sen pagar supón máis tensión financeira para empresas que xa cumpriron coa súa parte. Candia está utilizando aos provedores como reféns da súa estratexia política”, afirmou.
A gran contradición do PP cos reparos de legalidade
Ana González Abelleira lembrou tamén que o Partido Popular dedicou os últimos anos a facer dos reparos de legalidade “a súa principal arma de desgaste político” contra o anterior Goberno municipal.
“Durante tres anos intentaron facer crer á cidadanía que un reparo impedía pagar unha factura e converteron unha figura estritamente administrativa nun instrumento de confrontación política. Agora que lles corresponde gobernar, comproban que a responsabilidade é súa e, para non desmontar todo o relato que construíron durante a oposición, optan por bloquear os pagos antes que asumir a realidade. Gobernar é asumir responsabilidades, non esconderse”, sinalou.
Ao seu xuízo, a proposta que Candia levará ao Pleno responde unicamente á necesidade de evitar quedar en evidencia. “Se a alcaldesa impulsase o procedemento legal correspondente, quedaría demostrado que todo o discurso que mantivo durante os últimos anos sobre os reparos era falso. Por iso intenta agochar a súa responsabilidade detrás dunha votación política que non lle corresponde resolver ao Pleno”, denunciou.
A portavoz adxunta socialista reclamou á alcaldesa que abandone “esta estratexia de bloqueo” e proceda de inmediato á tramitación administrativa das facturas. “Gobernar tamén significa pagar o que o Concello debe. O que non pode facer unha alcaldesa é paralizar máis de 2,7 millóns de euros destinados a empresas lucenses para protexer a súa imaxe política. Esa non é unha forma responsable de gobernar; é utilizar a institución ao servizo da súa estratexia partidista”, afirmou.
Finalmente, González Abelleira advertiu de que esta situación está a provocar “un bloqueo de facto da economía local” e reclamou ao Goberno municipal que deixe de utilizar os reparos de legalidade como unha ferramenta de confrontación. “Os provedores non poden seguir pagando as consecuencias dunha alcaldesa que prefire salvar o seu relato político antes que cumprir coa súa obriga institucional. Lugo necesita un Goberno que resolva os problemas, non que os agrave por puro cálculo político”, concluíu.

