A portavoz adxunta socialista acusa á alcaldesa de negarse a impulsar o procedemento necesario para imputar orzamentariamente e aboar as facturas pendentes aos provedores
González Abelleira advirte do grave prexuízo para empresas e autónomos e considera “unha enorme falta de valentía” que Candia pretenda converter unha responsabilidade executiva nunha cuestión política
O PSOE denuncia que Candia pretende utilizar ao Pleno nunha manobra-trampa para diluír entre os grupos municipais a responsabilidade dunha decisión executiva que corresponde adoptar a rexedora
“A realidade está poñendo en evidencia a enorme contradición entre o que dicían cando estaban na oposición e o que están facendo agora que lles corresponde gobernar”, engadiu.
- A portavoz adxunta socialista acusa á alcaldesa de negarse a impulsar o procedemento necesario para imputar orzamentariamente e aboar as facturas pendentes aos provedores
- González Abelleira advirte do grave prexuízo para empresas e autónomos e considera “unha enorme falta de valentía” que Candia pretenda converter unha responsabilidade executiva nunha cuestión política
- O PSOE denuncia que Candia pretende utilizar ao Pleno nunha manobra-trampa para diluír entre os grupos municipais a responsabilidade dunha decisión executiva que corresponde adoptar a rexedora
A portavoz adxunta do Grupo Municipal Socialista, Ana González Abelleira, denunciou hoxe que o Concello de Lugo mantén bloqueado o pagamento de máis de 2,7 millóns de euros correspondentes a 542 facturas, unha situación que está a xerar un grave prexuízo aos provedores municipais e á propia economía local.
A edil socialista responsabilizou directamente á alcaldesa, Elena Candia, de non impulsar o procedemento administrativo necesario para resolver esta situación e permitir a imputación orzamentaria e o posterior aboamento das facturas. “Estamos diante dunha situación absolutamente intolerable. Hai empresas e profesionais que realizaron traballos ou prestaron servizos ao Concello e que están pendentes de cobrar máis de 2,7 millóns de euros porque a alcaldesa non quere asumir a responsabilidade que lle corresponde”, afirmou.
González Abelleira explicou que a existencia dun reparo de legalidade non pode converterse nunha escusa para paralizar indefinidamente o funcionamento económico da Administración. “A normativa establece os mecanismos para resolver estas situacións. O que non pode facer a alcaldesa é deixar as facturas nun caixón e bloquear o pagamento porque non quere afrontar politicamente unha decisión que forma parte das súas responsabilidades como alcaldesa, sinalou.
A portavoz socialista advertiu das consecuencias que esta situación pode ter sobre o tecido económico local. “Candia está utilizando os provedores como reféns da súa falta de decisión. Falamos de 542 facturas e de máis de 2,7 millóns de euros que non están chegando a empresas e autónomos. Para unha pequena empresa, para un profesional ou para unha entidade que traballa para a Administración, os atrasos nos pagamentos teñen consecuencias reais sobre a tesourería, os salarios, os investimentos e a capacidade para seguir desenvolvendo a súa actividade”, explicou.
“Non estamos falando dunha cuestión burocrática menor. Estamos falando de cartos que corresponden a provedores e que o Concello debe aboar. Cada día que pasa sen resolver esta situación é un día máis de prexuízo para persoas e empresas que non teñen por que pagar a factura da falta de valentía política da alcaldesa”, engadiu.
González Abelleira considera especialmente grave que o Goberno de Candia pretenda agora levar ao Pleno unha proposición política para abordar unha cuestión que, ao seu xuízo, debe ser tramitada mediante os mecanismos administrativos establecidos.
“Candia está intentando converter unha responsabilidade executiva nunha decisión política colectiva. Pretende que sexan os tres grupos municipais e incluso a concelleira tránsfuga quen compartan unha responsabilidade que corresponde, en última instancia, á alcaldesa como máxima responsable do Executivo”, denunciou.
Para a edil socialista, a proposta que pretende impulsar o Goberno municipal constitúe “unha auténtica manobra-trampa”. “Non se pode utilizar unha votación política para substituír o procedemento administrativo que corresponde seguir. Se existe un reparo, hai que tramitalo conforme establece a normativa, adoptar a decisión que corresponda. O que non pode facer Candia é esconderse detrás dos grupos políticos para non afrontar unha responsabilidade que lle corresponde”, afirmou.
González Abelleira lembrou ademais que esta situación resulta especialmente significativa pola posición que o Partido Popular mantivo durante os tres primeiros anos de mandato respecto dos reparos de legalidade. “Durante tres anos escoitamos ao PP falar dos reparos como se fosen unha especie de instrumento político para desacreditar o Goberno municipal. Agora que Candia ten que xestionalos desde a Alcaldía, comproba que gobernar implica tomar decisións, tramitar expedientes e asumir responsabilidades”, afirmou. “A realidade está poñendo en evidencia a enorme contradición entre o que dicían cando estaban na oposición e o que están facendo agora que lles corresponde gobernar”, engadiu.
A portavoz adxunta reclamou á alcaldesa que deixe de buscar fórmulas para evitar a súa responsabilidade e desbloquee canto antes a situación polo ben de Lugo.
“Candia ten que decidir se quere gobernar ou seguir facendo oposición desde o Goberno. Gobernar tamén é asumir as decisións difíciles, cumprir os procedementos administrativos e garantir que os provedores cobren polos servizos que prestaron. O Concello non pode funcionar cunha alcaldesa que paraliza os pagamentos porque non quere asumir o custo político das decisións que lle corresponden”, sinalou.
Finalmente, Ana González Abelleira reclamou que se proceda “con absoluta transparencia e rigor” á tramitación das 542 facturas pendentes e advertiu de que “os provedores non poden converterse en vítimas dunha batalla política. Que actue xa sen máis trampas ne mías dilacións intencionadas”.
“O Grupo municipal do PP leva anos intentando utilizar os reparos como arma política. Agora ten a oportunidade de demostrar se realmente cre no que dicía ou se simplemente utilizaba unha cuestión administrativa para desgastar ao Goberno anterior. O que está en xogo non é a súa estratexia política: son máis de 2,7 millóns de euros e 542 facturas que afectan directamente a empresas e profesionais. A alcaldesa debe deixar de buscar escusas, asumir a súa responsabilidade e resolver o problema, concluíu.

