González Abelleira denuncia que o informe xurídico co que Candia vetou o debate sobre Mariano Castiñeira “non existe” e acúsaa de manipular o Pleno por interese partidista

Redacción

O Grupo Socialista solicitou por rexistro o mesmo día do Pleno o suposto informe da Secretaría Xeral que xustificaba a retirada da proposta e, transcorrido o prazo, non recibiu ningún documento

A portavoz adxunta considera probado que Candia impediu deliberadamente a votación da iniciativa para evitar que prosperase o nomeamento de Mariano Castiñeira como Fillo Adoptivo de Lugo

“Estamos ante unha forma de gobernar autoritaria e antidemocrática que pretende silenciar á oposición e utilizar as institucións como ferramenta de control político”

A portavoz adxunta do Grupo Municipal Socialista, Ana González Abelleira, denunciou hoxe que o suposto informe xurídico utilizado pola alcaldesa Elena Candia para impedir que o Pleno municipal debatese e votase a proposta socialista para nomear a Mariano Castiñeira Fillo Adoptivo de Lugo “non existe”, despois de que o Concello non remitise ningún documento que acreditase a súa existencia malia a solicitude formal presentada polo PSOE.

Abelleira lembrou que durante a sesión plenaria ordinaria do pasado 28 de maio, Candia decidiu retirar da orde do día a proposición rexistrada polo Grupo Socialista para o recoñecemento institucional de Mariano Castiñeira, argumentando que existía un informe da Secretaría Xeral do Pleno que impedía a súa tramitación.

Ante esta situación, o propio día da sesión plenaria o Grupo Municipal Socialista presentou un escrito rexistrado dirixido á Alcaldía solicitando copia do informe xurídico no que, segundo afirmara a alcaldesa, se fundamentaba a decisión de impedir o debate da iniciativa. No documento reclamábase expresamente o informe emitido pola Secretaría Xeral do Pleno que supostamente xustificaba a imposibilidade de someter a votación a proposta socialista.

“Transcorrido o prazo correspondente, ese informe non apareceu. Non foi remitido ao noso grupo porque simplemente non existe. A conclusión é tan grave como evidente: Elena Candia utilizou un informe inexistente para impedir que o Pleno puidese pronunciarse sobre unha proposta que contaba cun amplo respaldo social e que estaba destinada a recoñecer a unha figura fundamental para o deporte lucense”, afirmou a portavoz socialista.

Para González Abelleira, a actuación da alcaldesa responde exclusivamente a unha estratexia política destinada a impedir que unha iniciativa promovida polo Grupo Socialista puidese prosperar. “Non estamos diante dun erro administrativo nin dunha cuestión técnica. Estamos ante unha decisión deliberada para bloquear unha proposta da oposición por puro interese partidista. Candia preferiu utilizar a súa posición institucional para impedir un debate democrático antes que asumir o resultado dunha votación”, denunciou.

A edil considera especialmente preocupante que se empregasen argumentos xurídicos sen soporte documental para limitar os dereitos dos grupos políticos municipais. “Se unha alcaldesa pode retirar unha iniciativa do Pleno alegando informes que despois non existen, estamos ante un precedente gravísimo para a calidade democrática do Concello de Lugo. Non se pode gobernar manipulando os procedementos nin utilizando as institucións como ferramentas ao servizo dun partido político”, advertiu.

Abelleira sostén que esta actuación encaixa nunha forma de gobernar que xa se está facendo habitual desde a chegada do novo Executivo municipal tras a moción de censura. “Primeiro intentan silenciar as iniciativas da oposición, despois impiden os debates e finalmente escóndense detrás de supostos informes que ninguén é capaz de atopar. É unha maneira profundamente autoritaria de entender a política municipal”, sinalou.

A portavoz socialista lembrou ademais que a proposta para o nomeamento de Mariano Castiñeira respondía a unha demanda amplamente compartida pola sociedade lucense, polo seu papel fundamental na promoción do deporte e na formación de varias xeracións de mozos e mozas da cidade. “O que Candia bloqueou non foi unha proposta do PSOE; o que intentou bloquear foi o recoñecemento que merece unha persoa que dedicou boa parte da súa vida a engrandecer Lugo”, afirmou.

Por último, González Abelleira advertiu de que o Grupo Socialista continuará reclamando explicacións e esixindo responsabilidades políticas por estes feitos. “A cidadanía debe coñecer o que ocorreu. Estamos ante unha actuación incompatible coa transparencia, co respecto ao funcionamento democrático do Pleno e cos dereitos da oposición. Lugo merece unha Alcaldía que respecte as regras do xogo democrático e non unha alcaldesa que utilice o seu cargo para impedir debates incómodos. Esta forma de actuar debe ser rexeitada e sancionada democraticamente pola cidadanía”, concluíu.

Comparte este artigo