Jorge Bustos alerta da falta de dirección técnica municipal no Arde Lucus e reclama máis rigor na organización do seu 25 aniversario

Redacción

O concelleiro socialista considera un erro grave apartar do proceso organizativo aos servizos técnicos con maior experiencia na organización da festa e solicita rigor e que o sentido común impere por riba do interesse político.

Bustos reivindica o traballo desenvolvido antes da moción de censura, que deixou preparadas novas melloras para seguir reforzando o prestixio internacional do Arde Lucus e anima a cidadanía a participar na edición do 25 aniversario da nosa festa.

O edil socialista destacou o traballo do seu equipo na consecución da nova localización do Macellum na Praza Maior, na incorporación dun campamento romano con espazos dedicados aos oficios ou na posta en valor da entrada á Castra mediante unha indetidade propia ou na actuación de Abraham Cupeiro.

O concelleiro socialista Jorge Bustos expresou hoxe a súa preocupación pola ausencia dunha dirección técnica municipal claramente identificada na organización do Arde Lucus, unha situación que considera especialmente preocupante nun ano tan sinalado como o do 25 aniversario dunha festa declarada de Interese Turístico Internacional.

Bustos advertiu de que nos últimos meses se produciron diversas reunións co tecido asociativo da festa nas que, segundo puido coñecer polas propias asociacións, non participaron os técnicos municipais responsable do Arde Lucus, unha circunstancia que cualificou de “erro difícil de entender”. “Cando se celebra unha edición tan especial, o lóxico sería reforzar o papel das persoas que acumulan máis experiencia na organización da festa e tamén contar co asesoramento dos servizos municipais especializados, incluído o departamento de Arqueoloxía, para garantir o máximo rigor histórico”, sinalou.

O edil socialista lembrou que antes da moción de censura xa estaba en marcha unha folla de ruta para seguir mellorando o Arde Lucus e consolidar o seu crecemento. Entre as novidades previstas figuraba a nova localización do Macellum na Praza Maior, a incorporación dun campamento romano con espazos dedicados aos oficios e á recreación histórica ou a posta en valor da entrada á Castra mediante unha identidade propia.

O obxectivo era que, de cara ás próximas edicións, os campamentos castrexos se agrupasen progresivamente na Castra, mentres que os romanos se distribuísen polo interior da muralla, reforzando así a coherencia temática dos distintos espazos.

Ademais, tamén se pechou a organización dun concerto exclusivo de Abraham Cupeiro na Torre Barroca da Catedral, así como nun proceso de diálogo coas asociacións para continuar avanzando na autenticidade histórica da festa.

“Moitas destas iniciativas quedaron interrompidas pola moción de censura cando estaban xa encamiñadas e listas para seren presentadas publicamente. Lugo perdeu unha oportunidade de coñecer un proxecto ambicioso que buscaba seguir facendo medrar o Arde Lucus desde o respecto á súa esencia e á súa historia”, afirmou Bustos.

Respecto ao financiamento das asociacións, o concelleiro socialista explicou que a revisión do sistema de achegas respondía a informes e observacións dos propios servizos municipais, que viñan advertindo da necesidade de adaptar o modelo aos mecanismos de subvención. Por este motivo, para o 25 aniversario incrementouse a partida económica ata os 180.000 euros, establecendo un sistema de xustificación dos gastos que permitise garantir a seguridade xurídica e a transparencia na utilización dos fondos públicos.

Bustos recoñeceu que esta adaptación xerou discrepancias iniciais con algunhas asociacións, pero destacou que o diálogo permitiu alcanzar acordos para que a práctica totalidade dos gastos vinculados á actividade festiva puidesen ser debidamente xustificados. “O importante era ofrecer garantías para o futuro e construír un modelo sólido que dese estabilidade ao Arde Lucus e ás entidades que o fan posible”, indicou.

Por último, o concelleiro socialista quixo trasladar unha mensaxe de confianza e ilusión á cidadanía lucense. “Máis alá das diferenzas políticas, o Arde Lucus pertence a toda a cidade. Este 25 aniversario debe ser unha celebración colectiva da nosa historia, da nosa cultura e da capacidade de Lugo para implicarse nos grandes acontecementos. Animo a todos os veciños e veciñas a participar masivamente e a converter esta edición nunha das máis memorables da historia da festa”, concluíu.

Comparte este artigo