Jorge Bustos reivindica o éxito do Arde Lucus como froito da planificación do anterior Goberno e acusa a Candia de intentar borrar o traballo realizado durante anos esquecendo facer referencia ao 25 aniversario

Redacción

O concelleiro socialista lembra que as principais novidades do 25 aniversario, as colaboracións institucionais e os patrocinios foron pechados durante a súa etapa á fronte da área de Xuventude

Bustos denuncia que o Goberno local ocultou deliberadamente a dimensión histórica desta edición ao evitar referencias ao 25 aniversario da festa

O edil advirte tamén que a pesar do correcto desenvolvmento da festa existiron de importantes deficiencias organizativas en materias como a seguridade, a programación e a decoración ou os compromisos económicos coas asociacións de recreación histórica

O concelleiro socialista Jorge Bustos realizou hoxe un balance do Arde Lucus 2026 no que reivindicou o éxito de participación e afluencia rexistrado durante a celebración como resultado directo do traballo de planificación desenvolvido polo anterior Goberno municipal durante os últimos meses.

Bustos lembrou que as principais novidades desta edición, especialmente significativa ao coincidir co 25 aniversario da festa, foron deseñadas, programadas e impulsadas durante a súa etapa como responsable da área. Entre elas destacou a reordenación de espazos, as novas localizacións de actividades e campamentos, a ampliación da programación e eventos singulares como o concerto de Abraham Cupeiro, unha das actuacións máis destacadas desta edición.

“O Arde Lucus funcionou porque había un traballo previo moi sólido detrás. As principais decisións estratéxicas, a programación especial do 25 aniversario e boa parte das colaboracións que permitiron ampliar a oferta cultural foron deseñadas e pechadas polo equipo que tivemos a honra de coordinar durante os últimos anos”, afirmou.

O edil socialista lamentou ademais que o actual Goberno municipal decidise prescindir na fase final da organización da experiencia acumulada por boa parte do persoal técnico que viña traballando na preparación da festa. “Resulta difícil de comprender que nunha edición tan especial se optase por apartar precisamente ás persoas que máis coñecían o funcionamento e as necesidades dun evento destas dimensións”, sinalou.

Bustos tamén reivindicou a xestión realizada na captación de recursos externos para a celebración. Segundo explicou, os convenios de colaboración institucional, os acordos con patrocinadores privados e boa parte dos apoios económicos que contribuíron a financiar esta edición xa foran negociados e pechados antes da moción de censura. “O actual Goberno atopouse cun traballo feito que lle permitiu desenvolver a festa con absoluta normalidade. Esa é a realidade que algúns intentan ocultar”, indicou.

Especialmente crítico se mostrou coa decisión de minimizar institucionalmente o significado do 25 aniversario do Arde Lucus. “Resulta incomprensible que a cidade celebrase unha efeméride tan importante sen apenas referencias públicas ao aniversario. Dá a sensación de que existiu unha vontade deliberada de deixar no esquecemento o enorme esforzo colectivo que permitiu construír esta festa durante un cuarto de século e, particularmente, o impulso decisivo que recibiu durante os gobernos progresistas”, afirmou.

O concelleiro socialista advertiu, porén, que non todos os aspectos da organización poden atribuírse ao traballo herdado. Neste sentido, criticou a falta de cumprimento dos compromisos adquiridos co tecido asociativo da festa. “As asociacións de recreación histórica son o verdadeiro corazón do Arde Lucus. Por iso resulta preocupante que, malia os anuncios realizados polo Goberno local, moitas delas continúen sen percibir os anticipos comprometidos para afrontar os importantes gastos que asumen cada ano”, explicou.

Bustos tamén puxo o foco nalgunhas cuestións relacionadas coa seguridade. Segundo sinalou, o Plan de Autoprotección chegou tarde e foi elaborado sen a anticipación que require un evento destas características. “Levamos semanas advertindo desta situación. Finalmente houbo plan, pero chegou tarde, mal e con importantes dificultades operativas que xeraron incerteza entre os colectivos participantes”, afirmou.

Na mesma liña, sinalou descoordinación técnica con moitas de actividades, com as programadas para o venres ás 17.30 horas, como o exemplo máis claro. Tamén sinalou deficiencias na decoración con anacronismos medievais e aspectos que denotan falta de traballo e experiencia nos detalles.

“Se algo demostra esta edición é que Lugo ten unha festa extraordinaria grazas ao compromiso das asociacións, do persoal municipal e do traballo acumulado durante moitos anos. O Arde Lucus é moito máis forte que calquera Goberno. Pero precisamente por iso merece ser tratado con máis respecto, con máis rigor e con máis planificación da que vimos nestas últimas semanas”, concluíu Bustos.

O edil socialista asegurou finalmente que seguirá defendendo un modelo de crecemento da festa baseado na colaboración co tecido asociativo, no rigor histórico e na planificación profesional. “O éxito do Arde Lucus non nace da improvisación. É o resultado de moitos anos de traballo colectivo. E esa realidade non a vai borrar ninguén por moito que tente apropiarse do que outros deixaron feito”, rematou.

Por ñulitmo, Jorge Bustos, quixo expresar o seu máis profundo agradecemento e felicitación a todos os efectivos e colectivos implicados no dispositivo de seguridade do Arde Lvcvs, cuxo labor cualificou de “impecable e exemplar”. 

Comparte este artigo