Miguel Fernández acusa a Elena Candia de protagonizar “o maior acto de vulneración democrática vivido nun Pleno do Concello de Lugo”

Redacción

O PP utilizou unha interpretación torticeira dun informe técnico para impedir deliberadamente o debate dunha proposta lexítima da oposición”

“A unanimidade esgrimida por Candia non pode converterse nun veto imposto nun despacho para silenciar iniciativas rexistradas democraticamente”

“Candia rompeu o compromiso institucional adquirido antes da moción de censura co recoñecemento ao doutor Mariano Castiñeira e pretende silenciar o noso labor político niña coto grave que denunciaremos o de seca necesario”

O voceiro socialista no Concello de Lugo, Miguel Fernández, criticou hoxe con enorme dureza a decisión da alcaldesa Elena Candia de impedir o debate no Pleno ordinario da proposición presentada polo Grupo Municipal Socialista para iniciar o procedemento de nomeamento de Xoán Montes como Fillo Predilecto de Lugo e do doutor Mariano Castiñeira como Fillo Adoptivo da cidade.

Fernández cualificou o sucedido como “un feito gravísimo e absolutamente inconcibible nun sistema democrático”, asegurando que “estamos ante o maior acto de vulneración da democracia vivido nun Pleno ordinario deste Concello”.

“O que fixo a señora Candia foi utilizar de maneira torticeira e interesada un informe técnico para impedir deliberadamente que a Corporación puidese pronunciarse libremente sobre unha proposta lexítima da oposición. É unha manobra propia dunha dirixente déspota e autoritaria á que a democracia lle incomoda e que emprega a normativa non para garantir o funcionamento institucional, senón como unha arma política para silenciar á oposición”, denunciou.

O líder socialista acusou directamente á alcaldesa de “tergiversar conscientemente” o contido do informe para construír unha falsa escusa coa que bloquear o debate e impedir que a iniciativa puidese recibir o respaldo do conxunto da Corporación.

“Sra. Candia, a súa estratexia na Xunta de Voceiros foi unha auténtica escenificación. Vostede apelou de xeito interesado á suposta necesidade dunha unanimidade previa dos grupos, afirmando falsamente que a proposición socialista non era o procedemento axeitado e forzando a súa retirada. E hoxe hai que dicirlle a verdade aos lucenses: vostede utilizou a unanimidade como unha simple coartada para o bloqueo político”, afirmou.

Fernández insistiu en que “non existía ningunha traba técnica nin regulamentaria” para que o Pleno iniciase o procedemento, lembrando que “o Regulamento de Honras e Distincións do Concello permite perfectamente que o impulso político nazca do Pleno municipal”.

“O Pleno é o órgano soberano de impulso político deste Concello. Onde está o impedimento regulamentario para que o procedemento comece aquí? Non existe. O que existe é unha vontade política clara de vetar unha proposta da oposición utilizando de maneira fraudulenta unha interpretación interesada da norma”, advertiu.

O voceiro socialista foi especialmente crítico co uso que o goberno local fixo do concepto de unanimidade institucional.

“A unanimidade é un obxectivo nobre que debe construírse de maneira pública, transparente e durante a instrución do expediente, sumando informes, adhesións sociais e o apoio do tecido asociativo e deportivo da cidade, incluído o Club de Atletismo Lucus. O que non pode converterse é nunha conditio sine qua non imposta nun despacho para obrigar á oposición a retirar iniciativas rexistradas lexitimamente”, afirmou.

Neste sentido, Miguel Fernández acusou ao PP de incumprir deliberadamente os compromisos adquiridos antes da moción de censura.

“O recoñecemento conxunto de Xoán Montes e do doutor Mariano Castiñeira formaba parte dunha folla de ruta clara do anterior goberno progresista, continuando o camiño iniciado cos recoñecementos a Rafael de Vega e Alonso Montero. O Partido Popular asumiu esa inercia cando lle interesou saír na foto, pero rompeu a palabra dada aos sectores sanitarios e deportivos da cidade ao deixar fóra a Mariano Castiñeira”, denunciou.

Finalmente, Fernández advertiu de que “o máis preocupante non é só o bloqueo dunha proposta concreta, senón o precedente democrático que se abre”.

“Hoxe a señora Candia cruzou unha liña vermella institucional. Utilizou a Xunta de Voceiros para secuestrar o dereito de iniciativa política da oposición e para impedir que o Pleno puidese debater e decidir libremente. Iso é profundamente antidemocrático e incompatible coa dignidade institucional que merece este Concello”, concluíu.

Comparte este artigo