Miguel Fernández comprométese a renovar a Praza Roxa e a súa contorna a partir de maio para mellorar un dos principais espazos de convivencia de Fingoi

Redacción

O alcaldable socialista mantivo un encontro coa veciñanza e coa directiva da Asociación Terras de Fingoi e Magoi para coñecer as súas demandas en materia de mobiliario urbano, mobilidade e equipamentos deportivos

Fernández anuncia unha intervención integral na Praza Roxa, no parque infantil e no seu contorno para adaptar este espazo ás necesidades actuais do barrio

“Fingoi é un exemplo do Lugo que transformamos durante décadas: un barrio que mellorou a súa calidade de vida, recuperou espazos urbanos e hoxe é escollido por moitas familias novas para desenvolver o seu proxecto vital”

O portavoz do Grupo Municipal Socialista e alcaldable do PSOE, Miguel Fernández, comprometeuse a abordar a partir do vindeiro mes de maio a renovación da Praza Roxa e do seu contorno, incluído a zona do parque infantil, co obxectivo de mellorar un dos principais puntos de encontro e convivencia do barrio de Fingoi.

Fernández realizou este anuncio durante unha visita á zona, na que mantivo unha reunión con veciños e veciñas e coa directiva da Asociación Terras de Fingoi e Magoi. Durante o encontro, o portavoz socialista escoitou as principais demandas da veciñanza, centradas na renovación e ampliación do mobiliario urbano, na mellora da mobilidade e dos percorridos peonís e na actualización dos equipamentos deportivos e de lecer.

O alcaldable socialista explicou que a Praza Roxa e o seu contorno constitúen un dos puntos neurálxicos de Fingoi e que, polo tanto, deben contar cunha intervención que responda ás necesidades actuais do barrio. “Queremos actuar na Praza Roxa, no parque infantil e nos espazos que os rodean para mellorar a súa accesibilidade, o seu uso e as condicións de convivencia. É un ámbito central para a vida diaria de moitas familias e merece unha renovación á altura do Fingoi de hoxe”, afirmou.

Miguel Fernández salientou que a actuación deberá ser deseñada a partir das necesidades trasladadas pola propia veciñanza, incorporando melloras no mobiliario público, zonas de descanso, accesibilidade, iluminación, percorridos peonís e equipamentos infantís e deportivos. “Non se trata simplemente de cambiar elementos ou facer unha actuación illada. Trátase de recuperar e actualizar un espazo público para que sexa máis cómodo, máis accesible e máis útil para persoas de todas as idades”, sinalou.

Durante a visita, Fernández puxo en valor a evolución experimentada por Fingoi ao longo das últimas décadas e o papel desenvolvido polos gobernos socialistas na mellora da calidade de vida do barrio. “Fingoi exemplifica perfectamente o proxecto de cidade que defendemos: actuar para mellorar os espazos urbanos, os servizos e as condicións de vida da cidadanía. Esa transformación tivo tamén unha consecuencia moi importante: o relevo xeracional e o feito de que moitas familias novas escollan hoxe este barrio para vivir e desenvolver o seu proxecto vital. É o que pretendemos facer noutras zonas a través de Novo Norte”, explicou.

O portavoz socialista considerou que esa evolución demostra que as políticas municipais teñen efectos que van moito máis alá dunha obra concreta. “Cando se recuperan os espazos públicos, cando se mellora a mobilidade, cando se coida o contorno e cando se crean condicións para vivir mellor, estamos construíndo cidade e favorecendo que os barrios teñan futuro. No pasado planteouse está mellora e agora é o momento de afrontala cos estandares de calidade que temos fixados”, afirmou.

Fernández comprometeuse tamén a manter o contacto coa Asociación Terras de Fingoi e Magoi e a dar continuidade ás demandas trasladadas durante o encontro. “A planificación dunha cidade debe facerse escoitando a quen a vive todos os días. Queremos que esta intervención na Praza Roxa se defina coa participación da veciñanza e que responda de maneira concreta ás necesidades reais do barrio”, indicou.

Finalmente, o alcaldable socialista asegurou que o obxectivo é continuar avanzando na mellora dos barrios de Lugo desde unha visión global, combinando a renovación urbana, a mobilidade, os equipamentos e a calidade dos espazos públicos. “Fingoi é un barrio con presente e con futuro. A partir de maio queremos dar un novo paso para mellorar a Praza Roxa e o seu contorno, coidando o que xa temos e adaptándoo ás necesidades das persoas que viven aquí”, concluíu.

Comparte este artigo