O portavoz socialista traslada aos veciños e veciñas que non permitirá que a parálise do actual Goberno frustre a declaración da Milagrosa como Área de Rehabilitación Integral nin a captación e execución dos fondos estatais e europeos
Fernández esixe executar de inmediato as expropiacións pendentes da Segunda Rolda cos remanentes de 2025 para poder iniciar a transformación da Avenida da Coruña como gran boulevard urbano da cidade
“A maior transformación da historia da zona norte xa está en marcha. Non imos permitir que a neglixencia de Candia e os seus intereses políticos condenen ao atraso e á perda de oportunidades”
O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Miguel Fernández, mantivo un encontro de traballo con veciños e veciñas da Milagrosa no que trasladou o seu compromiso de facer cumprir ata o último punto da folla de ruta que o anterior Goberno municipal deixou definida para impulsar a transformación integral da zona norte da cidade.
- O portavoz socialista traslada aos veciños e veciñas que non permitirá que a parálise do actual Goberno frustre a declaración da Milagrosa como Área de Rehabilitación Integral nin a captación e execución dos fondos estatais e europeos
- Fernández esixe executar de inmediato as expropiacións pendentes da Segunda Rolda cos remanentes de 2025 para poder iniciar a transformación da Avenida da Coruña como gran boulevard urbano da cidade
- “A maior transformación da historia da zona norte xa está en marcha. Non imos permitir que a neglixencia de Candia e os seus intereses políticos condenen ao atraso e á perda de oportunidades”
Fernández explicou que a Milagrosa e o conxunto da zona norte afrontan unha oportunidade histórica para modernizar o seu parque residencial, renovar os espazos públicos, mellorar a mobilidade e captar investimentos sen precedentes procedentes tanto do Estado como da Unión Europea. “Estamos ante o proxecto de transformación urbana máis ambicioso desenvolvido nunca nesta parte da cidade. Hai planificación, hai proxectos e hai financiamento potencial. O único que falta é que o Goberno de Candia deixe de poñer obstáculos e cumpra cos compromisos adquiridos”, afirmou.
O primeiro dos grandes eixos da estratexia pasa pola declaración da Milagrosa como Área de Rehabilitación Integral. Segundo explicou o portavoz socialista, esta figura permitiría acceder aos programas estatais de rehabilitación residencial destinados á mellora da eficiencia enerxética, accesibilidade e conservación dos edificios. “Falamos de centos de vivendas que poderían beneficiarse de importantes axudas públicas para a súa rehabilitación. É unha oportunidade que non pode perderse por falta de vontade política ou por simple inacción administrativa”, advertiu, quen reiterou que todo o traballo técnico necesario para lograr esta catalogación foi realizado polo anterior Goberno municipal.
O segundo piar da transformación está vinculado á Estratexia Novo Norte, deseñada durante o anterior mandato para captar financiamento europeo destinado á rexeneración urbana, á mellora dos espazos públicos e ao desenvolvemento de programas sociais que permitan actuar de forma integral sobre o barrio. Fernández destacou que esta ferramenta non se limita a actuacións urbanísticas, senón que incorpora medidas orientadas á cohesión social, á dinamización económica e á mellora da calidade de vida da veciñanza. “Novo Norte é unha visión de futuro para a cidade e debe seguir avanzando sen interrupcións”, sinalou.
O terceiro gran ámbito de actuación refírese á mobilidade. Neste punto, Miguel Fernández reclamou ao actual Goberno municipal que execute de maneira inmediata as expropiacións necesarias para completar a Segunda Rolda utilizando os remanentes incorporados do orzamento de 2025. “Os recursos económicos xa están dispoñibles. Non existe ningunha escusa para seguir adiando un proxecto fundamental para desconxestionar o tráfico da zona norte e mellorar as conexións da cidade. Cada semana que se perde é unha semana que atrasa non só unha infraestrutura esencial para Lugo, senón tamén o avance da Avenida da Coruña cara ao gran corredor comercial verde que temos proxectado para vertebrar e revitalizar toda a zona norte da cidade”, afirmou.
O líder socialista lembrou que a culminación da Segunda Rolda permitirá reducir o tráfico de paso por vías saturadas, mellorar a seguridade viaria e crear unha nova estrutura de mobilidade máis eficiente para toda a cidade. “Levamos anos traballando para facer realidade esta infraestrutura. Agora é o momento de executar e non de bloquear”, insistiu.
O cuarto eixo da folla de ruta céntrase na transformación da Avenida da Coruña nun gran boulevard urbano vertebrador da zona norte. Fernández defendeu a necesidade de avanzar na súa modernización, ampliando espazos peonís, mellorando a accesibilidade, incrementando as zonas verdes e converténdoa nun verdadeiro corredor urbano capaz de dinamizar comercial e socialmente todo o barrio. Esta actuación complementaríase cos programas de rehabilitación financiados a través dos fondos impulsados polo Ministerio de Vivenda.
Durante a visita, o portavoz socialista percorreu diferentes puntos da Milagrosa nos que, segundo trasladaron os propios residentes, resulta necesario actuar para mellorar o estado do espazo público, reforzar o mantemento urbano e resolver diversas demandas pendentes do barrio. Fernández comprometeuse a continuar trasladando estas reivindicacións ás institucións municipais e a realizar un seguimento permanente da evolución dos proxectos comprometidos.
Finalmente, Miguel Fernández advertiu de que o PSOE non permitirá que a moción de censura sirva para paralizar os avances conseguidos durante o anterior mandato. “Candia recibiu unha folla de ruta perfectamente definida, con proxectos maduros, cronogramas establecidos e vías de financiamento abertas. O que lle pedimos é moi sinxelo: que cumpra. Non hai nin un día que perder. A maior transformación da historia da zona norte está en marcha e non imos permitir que a neglixencia de Elena Candia e da tránsfuga Olga Reigosa a poñan en risco. A veciñanza da Milagrosa merece feitos, non escusas”, concluíu.

