Miguel Fernández esixe a Candia que desbloquee de inmediato a declaración do Parque Rosalía de Castro como BIC

Redacción

O portavoz socialista denuncia que o estudo técnico necesario para iniciar a declaración foi contratado polo anterior Goberno e rematou o pasado mes de maio, pero Candia continúa sen presentar a documentación ante a Xunta

Fernández explica que a presentación do expediente ante o Goberno autonómico permitiría activar a protección patrimonial do parque mentres se tramita a súa declaración definitiva como Ben de Interese Cultural

“Non sabemos se é falta de dilixencia ou falta de interese, pero o Parque Rosalía de Castro non pode seguir esperando nin un día máis por un trámite que depende exclusivamente do Concello”

O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Miguel Fernández, esixiu hoxe ao Goberno de Candia que presente inmediatamente ante a Xunta de Galicia toda a documentación necesaria para continuar coa tramitación da declaración do Parque Rosalía de Castro como Ben de Interese Cultural (BIC), na categoría de Xardín Histórico, e denunció a “inexplicable parálise” dun expediente polo que o Concello de Lugo leva anos traballando.

Fernández lembrou que o anterior Goberno municipal deu un paso decisivo para facer posible esta declaración coa contratación do estudo técnico necesario, elaborado en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela.

O contrato establecía un prazo de execución de seis meses, polo que os traballos quedaron concluídos o pasado mes de maio. “O traballo técnico está feito, pero a moción de censura bloqueouno. O que falta agora é que o Goberno de Candia cumpra coa súa responsabilidade e presente a documentación ante a Xunta. Non estamos pedindo que faga un proxecto novo nin que comece unha tramitación desde cero: estamos pedindo que continúe un expediente que nós deixamos preparado e que lamentablemente acumula catro meses de atraso”, explicou.

O portavoz socialista destacou a importancia deste trámite, xa que a remisión da documentación ao Goberno autonómico permitirá avanzar formalmente na declaración do parque e dotar este espazo dunha protección patrimonial acorde co seu extraordinario valor histórico, paisaxístico e cultural. “En canto se produza este trámite, o expediente poderá avanzar cara á declaración definitiva por parte da Xunta e o parque contará co marco de protección que levamos anos reclamando. Por iso resulta incomprensible que Candia estea deixando pasar os meses sen facer algo tan sinxelo como presentar a documentación”, sinalou.

Miguel Fernández advertiu de que esta situación constitúe unha nova mostra da falta de dilixencia coa que, ao seu xuízo, está funcionando o actual Goberno municipal. “Descoñecemos se estamos ante unha cuestión de falta de interese ou simplemente de falta de capacidade para xestionar os expedientes que recibe, pero o resultado é exactamente o mesmo: un proxecto importante para Lugo permanece paralizado sen ningunha explicación razoable”, afirmou.

O portavoz socialista reivindicou ademais o compromiso do anterior Executivo coa recuperación e posta en valor do Parque Rosalía de Castro. Ao longo de 2026, durante o seu mandato, desenvolvéronse diferentes traballos de mantemento e mellora destinados a poñer a punto esta emblemática zona verde e acompañar o proceso de tramitación da súa futura declaración como BIC.
“Para nós o Parque Rosalía de Castro nunca foi simplemente unha zona verde. É un espazo fundamental do patrimonio e da identidade de Lugo e por iso traballamos para que tivese o recoñecemento e a protección que merece. Primeiro había que coidalo, melloralo e preparalo e, ao mesmo tempo, impulsar toda a documentación necesaria para conseguir a súa declaración como Xardín Histórico”, explicou Fernández.

O líder socialista lembrou tamén que os orzamentos municipais de 2026, elaborados e aprobados polo anterior Goberno co voto en contra do Partido Popular de Candia, incluían novas actuacións de mellora para o parque. Entre elas figuraban intervencións sobre elementos tan relevantes como os estanques, a pérgola ou o muro perimetral. “Non só deixamos en marcha a tramitación para conseguir a protección patrimonial; tamén deixamos recursos e proxectos para continuar mellorando fisicamente o parque. E a realidade é que Candia non iniciou ningunha destas actuacións previstas”, denunciou.

Para Fernández, a situación evidencia unha contradición difícil de explicar. “Temos un Goberno que herdou un expediente avanzado, cun estudo técnico contratado e rematado, unha planificación de melloras incorporada ao orzamento e unha folla de ruta clara para conseguir a protección patrimonial. E, con todo, catro meses despois segue sen dar o último paso administrativo necesario para enviar a documentación á Xunta”.

O portavoz socialista reclamou por iso á alcaldesa que actúe inmediatamente. “O Parque Rosalía de Castro debe contar xa coa protección patrimonial que merece. Non hai razón para seguir demorando este trámite. Candia ten diante todo o traballo realizado polo anterior Goberno e só ten que facer o que corresponde: presentar a documentación, continuar o expediente e defender ante a Xunta a declaración definitiva do parque como BIC”.
Finalmente, Miguel Fernández subliñou que a defensa do patrimonio debe estar por riba das diferenzas políticas. “Nós fixemos o traballo porque entendemos que o Parque Rosalía de Castro é patrimonio de todos os lucenses. Agora non lle pedimos a Candia que recoñeza quen impulsou este proxecto; pedímoslle que non o paralice. Se realmente lle importa Lugo e o seu patrimonio, que continúe o camiño que deixamos iniciado e que faga realidade dunha vez unha declaración pola que esta cidade leva anos traballando”, concluíu.

Comparte este artigo