Miguel Fernández esixe a Candia que recupere de inmediato o proxecto da gran zona pública de baño do Miño e abandone a súa posición de bloqueo

Redacción

O socialista denuncia que o Goberno local non deu “nin un só paso efectivo” para executar unha actuación estratéxica que xa contaba con planificación e contactos institucionais avanzados

Fernández lembra que o anterior Executivo deixou definida unha folla de ruta para actuar nos Robles, As Saamasas e a contorna da Fábrica da Luz, onde estaba previsto actuar para acondicionar a zona de cara a este periodo estival

Ofrece a súa colaboración persoal para desbloquear as negociacións coas administracións implicadas e evitar que o proxecto “quede gardado nun caixón” só polo feito de que foi ideado durante o seu mandato

O portavoz socialista no Concello de Lugo, Miguel Fernández, compareceu hoxe para esixir ao Goberno de Candia que recupere de inmediato o proxecto da gran zona pública de baño e lecer do Miño e abandone a inacción que está a impedir que unha das actuacións máis ambiciosas e ilusionantes para a cidade poida converterse nunha realidade.

Fernández denunciou que, o actual Executivo municipal “non deu nin un só paso efectivo” para avanzar nun proxecto estratéxico que o anterior Goberno deixou planificado e encamiñado, con contactos xa iniciados coas administracións competentes e cunha folla de ruta definida para a súa execución.

“Falamos dunha actuación que respondía a unha demanda histórica da cidadanía e que formaba parte dunha visión máis ampla para transformar a contorna do Miño nun espazo de referencia para o lecer, o deporte, o turismo sostible e a convivencia cidadá”, explicou o portavoz socialista desde as inmediacións da Fábrica da Luz, recuperda polo seu Goberno dentro do Plan de Turismo Sostible con financiamiento da UE.

Miguel Fernández lembrou que o proxecto contemplaba tres ámbitos perfectamente diferenciados. O primeiro deles éa zona dos Robles, onde o seu Goberno iniciara contactos coa Deputación Provincial para facilitar a integración das instalacións existentes nunha gran área fluvial de uso público, con condicións económicas accesibles e equiparables ás das instalacións municipais.

O segundo ámbito correspondía ao parque das Saamasas, onde se estudaba unha intervención respectuosa co medio natural para facilitar o acceso ao río mediante plataformas ou sistemas similares, sempre baixo as autorizacións e condicionantes establecidos pola Xunta de Galicia e pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

Por último, Fernández destacou a actuación prevista na contorna da antiga Fábrica da Luz, un espazo de máis de 10.000 metros cadrados con acceso directo ao río, zonas de sombra, mobiliario urbano e un enorme potencial para converterse na primeira gran zona pública de baño da cidade. “Era a intervención máis inmediata e a que xa debería estar executada. Bastaba con acondicionar o espazo, mellorar os accesos, realizar labores de limpeza e entresacado da vexetación e poñelo ao servizo da cidadanía pero coa mociónd e censura apralizouse todo”, sinalou.

Porén, o portavoz socialista lamentou que, coa chegada dun novo verán, non exista ningún avance visible. “Non hai acordos pechados, non hai proxectos en marcha, non hai actuacións executadas. Hai simplemente bloqueo político e institucional porque é un proxecto noso. Estamos diante dun Goberno que vive da herdanza recibida e que é incapaz de impulsar os proxectos que outros deixaron preparados”, afirmou.

Fernández advertiu de que Lugo non pode permitirse seguir perdendo oportunidades para aproveitar o enorme valor ambiental, social e turístico do seu río. “Os proxectos non avanzan sós. Necesitan vontade política, capacidade de xestión e coordinación institucional. Candia recibiu unha planificación completa. O que lle correspondía era executala”, engadiu.

O líder socialista tamén quixo tender a man ao actual Executivo municipal para evitar que esta actuación quede definitivamente paralizada. “Nós ofrecemos colaboración leal e institucional polo ben de Lugo. O importante non é quen corte a cinta, senón que o proxecto saia adiante e que a cidadanía poida desfrutar dunha zona pública de baño á altura do que merece esta cidade”, indicou.

Neste sentido, Miguel Fernández foi máis alá e comprometeuse persoalmente a colaborar na interlocución coas administracións implicadas se o Goberno local é incapaz de facelo. “Se o señor Candia non quere ou non sabe negociar coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil, coa Deputación Provincial ou coa Xunta de Galicia, eu comprométome a realizar esas xestións e a poñer os resultados á súa disposición para que se poida colocar canto antes a primeira pedra deste proxecto”, afirmou.

“Lugo merece aproveitar todo o potencial do Miño e do seu patrimonio natural. O que non merece é un Goberno que deixa escapar oportunidades mentres os proxectos permanecen gardados nun caixón. É hora de pasar das escusas aos feitos e de recuperar unha iniciativa chamada a transformar a relación da cidade co seu río”, concluíu Fernández.

Comparte este artigo