O PSOE defenderá no pleno unha iniciativa para blindar a autonomía académica e sanitaria de Lugo fronte ao risco de dependencia de Santiago
Os socialistas reivindican o compromiso acadado por Fernández Méndez como alcalde coa nova reitora da USC tras meses de traballo do anterior goberno municipal
Fernández acusa ao executivo local de “falta de ambición” e advirte de que “quedar calados sería aceptar un novo retroceso para Lugo”
O portavoz socialista no Concello de Lugo, Miguel Fernández, reclamará no vindeiro pleno municipal garantías ao Goberno de Candia para que a institución municipal traballe de forma activa e decidida a favor da creación dunha Facultade de Enfermaría propia no Campus Terra. Para iso, o Grupo Municipal Socialista defenderá unha proposición na que se insta ao Goberno local a colaborar activamente coa Universidade de Santiago de Compostela para impulsar unha Facultade de Enfermaría con identidade propia en Lugo, tal e como fora acordado co anterior executivo municipal. A iniciativa tamén solicita á Xunta e ao resto de administracións implicadas que garantan para Lugo unha estrutura académica propia, autónoma e estable no ámbito dos estudos de Enfermaría, reforzando o papel do Campus Terra como referencia universitaria e sanitaria, ademais de dar traslado destes acordos á Reitoría da USC, ás consellerías competentes, á Academia Galega de Enfermaría e ao Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo.
“Levamos meses traballando coa Universidade de Santiago para defender un futuro digno para os estudos de Enfermaría en Lugo e conseguimos que a nova reitora asumira o compromiso de avanzar cara a unha facultade propia no Campus Terra. Agora o que falta saber é se o goberno de Candia vai pelexar por Lugo ou se vai quedar calado aceptando que a nosa cidade perda peso universitario, capacidade de decisión e oportunidades de futuro”, afirmou Miguel Fernández. O dirixente socialista defendeu que a Escola Universitaria de Enfermaría “é moito máis ca un centro universitario: é unha peza estratéxica para o futuro sanitario, económico e laboral de Lugo”, lembrando que cada ano decenas de profesionais sanitarios se forman na cidade e desenvolven posteriormente a súa actividade en hospitais e centros de saúde de toda a provincia.
Fernández lembra que o futuro da formación en Enfermaría en Lugo “continúa en risco” desde que o pasado 30 de abril de 2025 se asinou un protocolo de actuación entre a Consellería de Educación, o Consorcio para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, a Consellería de Sanidade e as tres universidades públicas galegas para reorganizar a docencia de Enfermaría en Galicia arredor dunha única facultade por universidade. Segundo ese documento, a actual Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo pasaría a integrarse como unha sección dependente da Facultade de Enfermaría de Santiago, unha posibilidade que xerou unha profunda preocupación entre profesorado, alumnado, colectivos profesionais e sociedade lucense ao entender que suporía unha perda de autonomía académica, organizativa e institucional para o Campus Terra.
O voceiro socialista advertiu de que “Lugo non pode permitirse seguir perdendo centralidade nin resignarse a ser unha cidade subsidiaria de Santiago”, e acusou ao Goberno local de “carecer da ambición necesaria para defender os intereses estratéxicos da cidade”. Neste sentido, lembrou que a Escola Universitaria de Enfermaría leva máis de cinco décadas formando profesionais sanitarios “cun enorme prestixio académico e cunha estreita vinculación coa realidade sanitaria da provincia”, sendo ademais un dos centros máis demandados do Campus Terra e cubrindo cada ano todas as súas prazas en tempo récord. “Estamos falando dunha titulación consolidada, con capacidade de atraer alumnado, talento e investimento, e tamén dunha ferramenta fundamental para fixar poboación, crear emprego cualificado e fortalecer os servizos públicos”, sinalou.
Fernández Méndez reivindicou ademais o traballo desenvolvido polo anterior goberno municipal en interlocución permanente coa USC, tanto co anterior equipo reitoral como co actual, para garantir “un futuro sólido e propio” para os estudos de Enfermaría en Lugo. Froito desas conversas, lembrou, a nova reitora asumiu hai apenas unhas semanas o compromiso de avanzar cara á creación dunha Facultade de Enfermaría con identidade propia no Campus Terra, unha solución que permitiría consolidar unha estrutura académica estable e plenamente integrada na realidade universitaria lucense.
“Quedar quietos agora sería unha irresponsabilidade histórica. Lugo precisa un goberno que dea a batalla polos intereses da cidade e non un executivo resignado a perder servizos, oportunidades e peso institucional. O que está en xogo non é só unha facultade; é o modelo de cidade e o futuro universitario e sanitario de Lugo para as próximas décadas”, concluíu Fernández.

