O portavoz socialista lembra que Lugo logrou pasar o primeiro gran corte estatal grazas á candidatura presentada desde o Pazo de Feiras durante o anterior mandato
Fernández pide ao actual Executivo local que complete con “seriedade e ambición” toda a documentación pendente para manter vivas as opcións da cidade
“Estamos ante unha oportunidade histórica para gañar poboación, atraer talento e situar Lugo no mapa da toma de decisións a nivel estatal”, defende o exalcalde
O portavoz do Grupo Municipal Socialista no Concello de Lugo, Miguel Fernández, instou hoxe ao Goberno local encabezado por Candia a “non perder a carreira” pola futura Axencia Estatal de Saúde Pública e a culminar o traballo iniciado polo anterior Alcaldia socialista para que Lugo manteña intactas as súas opcións de converterse na sede deste organismo estatal.
Fernández lembrou que a candidatura presentada polo anterior Goberno local desde con sede no Pazo de Feiras permitiu que Lugo superase o primeiro gran filtro do Executivo central e lograse competir entre as cidades finalistas dun proceso de enorme dificultade. “Era un obxectivo complexo e ambicioso, pero fomos capaces de colocar Lugo na carreira e agora non se pode tirar pola borda todo o traballo realizado ata o momento”, advertiu.
Neste sentido, o portavoz socialista sinalou que o Ministerio require agora ampliar e completar a documentación da candidatura con información detallada sobre cuestións como o acceso á vivenda, os recursos educativos para a escolarización dos fillos do persoal trasladado, as posibilidades de inserción laboral para familiares, os servizos de acompañamento na instalación na cidade ou o inventario e dotación do equipamento que se poría á disposición da futura sede.” Todo o requerido son potencialidades da nosa candidatura. É necesario término a vibrase política necesaria para impulsar o tráballo técnico requerido”, indicio Fernández.
Do mesmo xeito, Fernández incidiu en que o Concello deberá concretar tamén as garantías de financiamento das obras necesarias para acoller a Axencia, así como os prazos e condicións da cesión dos espazos previstos. “É o momento de demostrar capacidade de xestión e altura de miras. Lugo xa fixo o máis difícil, que era entrar na fase decisiva, e agora é necesario facer un esforzo máis para non deixar escapar esta oportunidade histórica”, afirmou.
O exalcalde advertiu ademais da importancia estratéxica que tería para Lugo albergar a Axencia Estatal de Saúde Pública, tanto desde o punto de vista económico como demográfico e institucional. “Estamos falando dun organismo que podería traer consigo o traslado de centos de profesionais e das súas familias, o que suporía unha importante inxección de poboación, consumo e actividade económica para a cidade”, explicou.
Fernández puxo tamén o foco na necesidade de que Lugo conte cun plan serio de acollida e integración para o persoal que eventualmente podería trasladarse á cidade, lembrando que o impacto indirecto podería alcanzar arredor de 3.000 familias vinculadas á actividade da Axencia. “Isto significa atraer perfís cualificados, fixar talento, fortalecer o tecido económico local e gañar peso institucional como cidade presente nos espazos de decisión do Estado”, sostivo.
Por último, o portavoz socialista reclamou ao actual Goberno municipal “máis traballo” para defender unha candidatura que, segundo indicou, “naceu do esforzo e da planificación do anterior Executivo socialista”. “A competencia é enorme e ninguén di que vaia ser fácil, pero Lugo chegou ata aquí por méritos propios. O peor que podería pasar agora é perder esta oportunidade por desleixo, falta de ambición ou incapacidade de xestión”, concluíu.

