Mellora integral da travesía da Hermida-Mourentán

Redacción

O alcalde, Horacio Gil, destaca que esta obra se suma a outros grandes proxectos de humanización como os de Barcela e Cabeiras, froito do compromiso firme da Deputación de Pontevedra  co municipio de Arbo.

O Concello de Arbo segue a transformar as súas infraestruturas públicas a través dunha estreita colaboración coa Deputación de Pontevedra. O último proxecto confirmado é o acondicionamento da Travesía da Hermida, en Mourentán, unha actuación que contará cun investimento de 291.000 euros para mellorar a seguridade viaria e a mobilidade peonil.

A obra na Hermida contempla a mellora integral da drenaxe, a reposición de beirarrúas e a instalación de novo alumeado e sinalización, garantindo unha vía máis moderna e segura para os usuarios.

Esta nova intervención non é un feito illado, senón que forma parte do compromiso estratéxico da Deputación de Pontevedra por elevar a calidade de vida dos veciños e veciñas de Arbo. Como exemplos recentes desta colaboración, o alcalde destacou as importantes obras de humanización do entorno da Praza de Barcela e a humanización do entorno da Igrexa en Cabeiras.

Para o alcalde, Horacio Gil, estas actuacións demostran unha sensibilidade especial cara ao mundo rural: “Mantemos a nosa aposta pola mellora das estradas provinciais cun novo investimento de 291.000 euros para acondicionar a travesía da Hermida. Este proxecto, xunto coas humanizacións levadas a cabo na Praza de Barcela e na contorna da Igrexa de Cabeiras, son a proba do compromiso real da Deputación con Arbo”.

O investimento na Travesía da Hermida reafirma a liña de cooperación entre o Concello de Arbo e o goberno provincial, centrada en dotar ao municipio de equipamentos e servizos que fomenten o asentamento de poboación e a seguridade nun entorno rural de calidade.

O rexedor subliñou que o obxectivo final é o benestar da cidadanía: “Traballamos para que cada parroquia, desde Mourentán ata Cabeiras ou Barcela, conte con espazos públicos dignos, seguros e accesibles. A mellora da calidade de vida dos nosos veciños e veciñas é a nosa prioridade absoluta”.

Comparte este artigo