Miguel Fernández insta a Candia a recuperar o Plan Municipal de Vivenda e acusa ao PP de abandonar unha folla de ruta clave para garantir o acceso á vivenda en Lugo

Redacción

O portavoz socialista denuncia que a alcaldesa apartou da axenda municipal unha iniciativa estratéxica deseñada polo anterior Goberno para mobilizar vivenda baleira, rehabilitar inmobles e aumentar a oferta residencial

Fernández acusa a Candia de “pregarse aos intereses da Xunta” e renunciar a reclamar os recursos e políticas que Lugo necesita para afrontar a emerxencia habitacional

“O problema da vivenda resólvese con planificación, intervención pública e decisións valentes como as que recollía o noso plan. Lugo necesita un Goberno local que reclame máis recursos,non que se doblegue ante os intereses de Rueda.

O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Miguel Fernández, instou hoxe ao Goberno de Elena Candia a recuperar de maneira inmediata a senda de traballo iniciada polo anterior Executivo local en materia de vivenda e a retomar o desenvolvemento do Plan Municipal de Vivenda impulsado durante o seu mandato á fronte da Alcaldía.

Fernández lamentou que, tras a moción de censura, unha das primeiras consecuencias políticas fose a desaparición desta iniciativa estratéxica da axenda municipal. “Estamos falando dun documento elaborado para responder aos desafíos reais da cidadanía nun dos asuntos que máis preocupación xera hoxe entre as familias, a mocidade e as persoas con rendas medias e baixas. Candia decidiu gardalo nun caixón porque prefire seguir a folla de ruta da Xunta antes que defender os intereses de Lugo”, afirmou.

O líder socialista lembrou que o Plan Municipal de Vivenda partía dunha análise rigorosa da realidade habitacional da cidade e establecía actuacións concretas sobre tres grandes eixos: conservar e rehabilitar o parque existente, mobilizar as vivendas baleiras e aumentar a oferta residencial dispoñible.

No primeiro destes ámbitos, Fernández destacou que Lugo conta con máis de 62.000 vivendas, moitas delas con varias décadas de antigüidade, polo que a conservación e rehabilitación constitúen unha prioridade estratéxica. O plan contemplaba reforzar os servizos técnicos municipais para axilizar a concesión de licenzas e reducir os tempos administrativos, seguindo a liña de modernización impulsada durante os últimos anos.

Ademais, impulsouse a entrada en vigor dunha nova Ordenanza de Conservación e Rehabilitación que permitiría actuar fronte ao incumprimento dos deberes de mantemento dos inmobles, así como a creación dun inventario municipal de edificios en mal estado para facilitar medidas de expropiación, venda ou substitución forzosa cando fose necesario. Tamén se contemplaba o reforzo das axudas á rehabilitación e a adquisición de inmobles a través de Evislusa para a súa recuperación e posterior incorporación ao mercado a prezos limitados.

Fernández aproveitou para criticar duramente á Xunta de Galicia pola súa política nesta materia. “Mentres Lugo estaba preparado para aproveitar todas as oportunidades de rehabilitación, a Xunta decidiu bloquear novas convocatorias dos programas de rehabilitación residencial, impedindo que barrios como A Milagrosa ou Feijóo puidesen beneficiarse de centos de millóns de euros destinados a mellorar vivendas e espazos urbanos”, denunciou.

O segundo gran obxectivo do plan centrábase na mobilización das vivendas baleiras. “En Lugo existen máis de 10.700 vivendas desocupadas. É inaceptable que miles de pisos permanezan pechados mentres moitas familias teñen dificultades para acceder a un alugueiro digno”, explicou o portavoz socialista.

Para facer fronte a esta situación, o plan propoñía aplicar recargas fiscais ás grandes propiedades que manteñan inmobles permanentemente baleiros e crear unha Bolsa Municipal de Alugueiro Asequible xestionada por Evislusa. A través deste mecanismo, os propietarios poderían incorporar as súas vivendas ao mercado con garantías e compensacións fiscais, mentres o Concello facilitaría alugueiros por baixo dos prezos de mercado.

O terceiro eixo do plan apostaba por incrementar a oferta de vivenda dispoñible mediante unha combinación de promoción pública e privada sostible. Entre as medidas previstas figuraban modificacións normativas para facilitar cambios de uso, mellorar as condicións de habitabilidade e limitar a expansión descontrolada das vivendas de uso turístico, reservando o parque residencial para a súa función principal: garantir fogares para vivir.

Tamén se contemplaba a posta en carga de máis de 300.000 metros cadrados de solo urbanizable actualmente en tramitación, cunha reserva mínima do 40% para vivenda protexida. Neste ámbito, Fernández lembrou o convenio asinado co IGVS durante o seu mandato que permitiría construír máis de 1.200 vivendas no Sagrado Corazón e desenvolver outras actuacións complementarias noutras zonas da cidade.

“O noso plan non era un catálogo de boas intencións. Era unha folla de ruta seria, viable e ambiciosa para garantir o dereito á vivenda. Mentres outras administracións se limitan a facer anuncios, nós formulamos medidas concretas para rehabilitar, mobilizar e construír vivenda”, afirmou.

Por último, Miguel Fernández acusou a Elena Candia de renunciar á defensa dos intereses da cidade para non incomodar ao Goberno autonómico. “Lugo necesita un Goberno local que reclame máis recursos, máis vivenda pública e máis implicación da Xunta. O que ten hoxe é un Goberno que aparta os proxectos útiles porque non encaixan na súa estratexia partidista. A vivenda merece máis seriedade e menos subordinación política”, concluíu.

Comparte este artigo