Miguel Fernández anuncia que esixirá á Xunta e ao Goberno de Candia que rectifiquen o proxecto das 1.200 vivendas por exceder a edificabilidade prevista no PXOM e polo seu forte impacto urbano e na calidade vida
O portavoz socialista trasladou aos veciños a folla de ruta deseñada polo anterior Goberno para transformar a mobilidade, mellorar os servizos públicos e garantir un desenvolvemento urbanístico equilibrado
Fernández defende a conexión definitiva do barrio coa cidade grazas ao paso de cidade da Intermodal, o sistema de ramplas e ascensores que conectará co centro histórico e ás obras da avenida Adolfo Suárez, impulsadas durante o seu mandato
O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Miguel Fernández, mantivo un encontro de traballo con veciños, veciñas e representantes do tecido asociativo do Sagrado Corazón para analizar o futuro do barrio en materia de mobilidade, vivenda e servizos públicos, nunha reunión na que reafirmou o seu compromiso de seguir defendendo todos os proxectos estratéxicos que o anterior Goberno municipal deixou encamiñados para esta zona da cidade.
- Miguel Fernández anuncia que esixirá á Xunta e ao Goberno de Candia que rectifiquen o proxecto das 1.200 vivendas por exceder a edificabilidade prevista no PXOM e polo seu forte impacto urbano e na calidade vida
- O portavoz socialista trasladou aos veciños a folla de ruta deseñada polo anterior Goberno para transformar a mobilidade, mellorar os servizos públicos e garantir un desenvolvemento urbanístico equilibrado
- Fernández defende a conexión definitiva do barrio coa cidade grazas ao paso de cidade da Intermodal, o sistema de ramplas e ascensores que conectará co centro histórico e ás obras da avenida Adolfo Suárez, impulsadas durante o seu mandato
Fernández asegurou que o Sagrado Corazón afronta unha oportunidade histórica para superar décadas de illamento e converterse nun dos barrios con maior potencial de desenvolvemento de Lugo, sempre que as administracións cumpran cos compromisos adquiridos. “O noso Goberno deixou unha planificación seria, con proxectos en marcha e cunha visión global do barrio. Agora o que lle corresponde ao actual Executivo é executalos e non permitir que a moción de censura se traduza en novos atrasos”, afirmou.
No apartado da mobilidade, o portavoz socialista explicou que unha das actuacións máis transformadoras será a apertura do paso de cidade asociado á construción da nova estación intermodal, unha infraestrutura que permitirá conectar definitivamente o Sagrado Corazón co resto da trama urbana e co co centro histórico a través do sistema de ramplas e ascensores previsto no marco da estratexía Novo Norte , poñendo fin ao histórico illamento que padeceu o barrio durante décadas.
A esta actuación súmase a remodelación integral da avenida Adolfo Suárez e do acceso á cidade pola Fervedoira, unha intervención deseñada durante o anterior mandato e cuxa primeira das tres fases xa está a executar a Deputación Provincial tras a petición realizada por Miguel Fernández cando ocupaba a Alcaldía. “Falamos de dous proxectos estruturantes que cambiarán por completo a mobilidade do barrio, mellorarán a seguridade viaria e dimensionarán as conexións dunha zona chamada a crecer de maneira ordenada nos próximos anos”, destacou.
Durante o encontro tamén se abordou a necesidade de que a Xunta complete dunha vez o Plan Paradai, asumindo sen máis demora a mellora da Calzada das Gándaras, unha demanda histórica da veciñanza que continúa sen resposta por parte do Goberno autonómico. Fernández comprometeuse a seguir reivindicando esta actuación ata que sexa unha realidade.
No ámbito da vivenda, o líder socialista analizou cos asistentes o proxecto promovido pola Xunta para construír máis de 1.200 vivendas na contorna do barrio. Fernández advertiu de que a proposta presentada polo Goberno galego supera aproximadamente nun 20 % a edificabilidade prevista no PXOM e pode provocar importantes consecuencias urbanísticas, paisaxísticas e sociais. “Non nos opoñemos ao crecemento do barrio nin á creación de vivenda, pero ese desenvolvemento debe facerse con equilibrio, respectando o planeamento municipal e garantindo a calidade de vida da veciñanza e evitando a masificación e o impacto visual”, explicou.
Por este motivo anunciou que instará tanto ao Goberno de Elena Candia como á Xunta de Galicia a revisar o proxecto e impedir que se execute nos termos actualmente previstos. “Un barrio non se constrúe acumulando edificios. Constrúese planificando espazos públicos, servizos, zonas verdes e mobilidade. Iso foi o que sempre defendemos desde o Goberno municipal”, afirmou.
En materia de servizos públicos, Fernández lembrou que o Grupo Municipal Socialista xa esixiu ao actual Executivo que execute de maneira inmediata a expropiación dos terreos do antigo colexio do Sagrado Corazón, un expediente que o anterior Goberno deixou completamente preparado antes da moción de censura. “Parece estar encamiñado, pero cada día que pasa sen culminar esa expropiación é un día máis de atraso para que a Xunta poida iniciar as obras do novo centro de saúde que o barrio leva tantos anos reclamando”, advertiu.
O portavoz socialista reiterou ademais o seu compromiso de reclamar que esa parcela se converta nun verdadeiro complexo sociosanitario para esta zona da cidade, incorporando tamén unha escola infantil pública e un centro de día, equipamentos que a veciñanza considera imprescindibles para responder ao crecemento previsto do barrio e ás necesidades actuais da poboación.
Finalmente, Miguel Fernández e os representantes veciñais acordaron manter un novo encontro de seguimento unha vez rematado o período estival para avaliar o grao de cumprimento destes compromisos, analizar a evolución dos proxectos estratéxicos e incorporar novas demandas que permitan continuar mellorando a calidade de vida do Sagrado Corazón. “O noso compromiso co barrio non rematou coa moción de censura. Seguiremos traballando ao lado da veciñanza para que ningún destes proxectos quede nun caixón e para que o futuro do Sagrado Corazón se constrúa coa participación dos seus veciños e non desde un despacho”, concluíu.

