O portavoz socialista propón executar de inmediato as expropiacións de Dona Urraca e da conexión entre Escultor Asorei e rúa Amizade para completar o itinerario norte-sur da cidade
Fernández advirte de que sen estas actuacións será imposible desenvolver plenamente o boulevard da Avenida da Coruña e cumprir os obxectivos da Estratexia Novo Norte para acadar máis financiamento no marco do Plan edil
“Os remanentes deben servir para transformar Lugo durante os próximos trinta anos, non para financiar medidas improvisadas que só buscan rendemento electoral a curto prazo”, afirma
O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Miguel Fernández, reclamou hoxe ao Goberno de Candia que destine os remanentes municipais á execución inmediata das expropiacións necesarias para culminar o trazado da Segunda Rolda na zona norte da cidade, unha actuación que cualificou como “a infraestrutura de mobilidade máis transformadora pendente de executar en Lugo”.
- O portavoz socialista propón executar de inmediato as expropiacións de Dona Urraca e da conexión entre Escultor Asorei e rúa Amizade para completar o itinerario norte-sur da cidade
- Fernández advirte de que sen estas actuacións será imposible desenvolver plenamente o boulevard da Avenida da Coruña e cumprir os obxectivos da Estratexia Novo Norte para acadar máis financiamento no marco do Plan edil
- “Os remanentes deben servir para transformar Lugo durante os próximos trinta anos, non para financiar medidas improvisadas que só buscan rendemento electoral a curto prazo”, afirma
Fernández explicou que o anterior Goberno municipal deixou perfectamente identificados os ámbitos de actuación, a planificación urbanística e a folla de ruta necesaria para completar este itinerario estratéxico, polo que considera que “xa non existen escusas para seguir atrasando unha decisión que condiciona o futuro da mobilidade de toda a cidade”.
A primeira das actuacións sitúase entre a rúa Escultor Asorei e a rúa Amizade, pola parte posterior do colexio Divino Mestre. A adquisición destes terreos permitiría conectar ambas vías, creando un novo corredor de circulación que facilitaría os desprazamentos entre a zona norte, o centro e o sur da cidade.
“Non estamos falando simplemente de abrir unha nova rúa. Estamos falando de completar unha peza esencial da rede viaria de Lugo que permitirá distribuír mellor o tráfico, reducir percorridos innecesarios e ofrecer alternativas reais e aos miles de vehículos que cada día atravesan esta zona”, explicou.
A segunda actuación corresponde á eliminación do coñecido tapón urbanístico existente na confluencia de Dona Urraca con Revista Ronsel. Esta intervención permitiría completar o itinerario norte-sur e sur-norte a través da avenida Reverendo Xosé Fernández Núñez e da rúa Río Narla, enlazando directamente coa avenida Infanta Elena e configurando unha verdadeira vía alternativa para os desprazamentos interiores da cidade.
“O anterior Goberno deixou prevista esta actuación porque sabiamos que era clave para reorganizar a mobilidade de Lugo. O sorprendente é que, despois dun ano, Candia aínda non movera nin un só papel para facela realidade”, lamentou.
O líder socialista advertiu de que ambas actuacións deben entenderse como un único proxecto estratéxico. “Se completamos estas dúas conexións estaremos culminando definitivamente a Segunda Rolda da zona norte. Iso tradúcese en menos tempos de desprazamento, menos retencións, menos tráfico de paso, máis seguridade viaria e unha cidade preparada para seguir medrando con criterios de planificación”, afirmou.
Fernández incidiu ademais en que esta actuación resulta imprescindible para poder desenvolver con éxito a transformación da Avenida da Coruña prevista na Estratexia Novo Norte eque agora Candia pon en dúbida.
“O gran boulevard da Avenida da Coruña non pode entenderse de maneira illada. Primeiro hai que ofrecer alternativas ao tráfico interno que hoxe soporta esa avenida. E esas alternativas pasan necesariamente por completar a Segunda Rolda. Quen non entende isto, simplemente descoñece como funciona a mobilidade dunha cidade como Lugo”, sinalou.
Neste sentido, advertiu de que renunciar a estas actuacións comprometería tamén o cumprimento dos obxectivos asociados aos fondos europeos destinados á transformación da zona norte. “Europa non financia actuacións illadas. Financia proxectos integrais de cidade. Se non completamos a rede viaria prevista estaremos dificultando a eficacia dunha das maiores operacións de rexeneración urbana da historia recente de Lugo e por tanto limitando as nosas opcións de acadar máis financiamento do Plan Edil”, explicou.
O portavoz socialista acusou ao Goberno municipal de estar empregando os remanentes “sen unha visión estratéxica”. “Os remanentes existen precisamente para abordar investimentos estruturantes, aqueles que transforman a cidade e melloran a vida da cidadanía durante décadas. O que non pode facer un Goberno responsable é dilapidalos en medidas improvisadas, sen planificación e pensadas unicamente para obter un titular inmediato”, criticou.
Fernández contrapuxo esta forma de actuar coa planificación desenvolvida durante o anterior mandato. “Nós deixamos proxectos, cronogramas, financiamento e unha folla de ruta perfectamente definida. Candia chegou prometendo unha nova maneira de gobernar e dous meses despois o único que ofrece son renuncias e unha política de curto alcance que está facendo perder a Lugo un tempo precioso”, afirmou.
Para concluír, Miguel Fernández instou á alcaldesa a rectificar e asumir estas expropiacións como unha prioridade municipal. “Candia está gobernndo para un ano. Lugo necesita visión de futuro. Necesita planificación. Necesita infraestruturas que resolvan os problemas dos próximos trinta anos e non actuacións pensadas para sobrevivir aos próximos nove meses. Cada día que pasa sen executar estas expropiacións é un día perdido para a mobilidade, para Novo Norte e para o futuro da nosa cidade”, concluíu.

