O portavoz socialista asegura que a presión política exercida polo seu grupo obrigou ao Goberno local a rectificar tras non permitir o debate da proposta presentada no pasado pleno ordinario
Fernández lamenta que Candia tratase de silenciar unha iniciativa impuslada polo Goberno de Miguel Fernández que contaba cun amplo respaldo social e deportivo na cidade
“O importante é que Lugo recoñeza a Mariano Castiñeira, pero tamén que a cidadanía saiba que este expediente existe porque insistimos ata conseguilo”
O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Miguel Fernández, valorou hoxe moi positivamente a decisión do Goberno de Candia de iniciar o expediente para conceder a Mariano Castiñeira o título de Fillo Adoptivo de Lugo, unha iniciativa promovida e defendida polo PSOE que, segundo destacou, “hoxe comeza a materializarse grazas á nosa insistencia e ao noso traballo”.
- O portavoz socialista asegura que a presión política exercida polo seu grupo obrigou ao Goberno local a rectificar tras non permitir o debate da proposta presentada no pasado pleno ordinario
- Fernández lamenta que Candia tratase de silenciar unha iniciativa impuslada polo Goberno de Miguel Fernández que contaba cun amplo respaldo social e deportivo na cidade
- “O importante é que Lugo recoñeza a Mariano Castiñeira, pero tamén que a cidadanía saiba que este expediente existe porque insistimos ata conseguilo”
Fernández lembrou que esta proposta foi rexistrada e impulsada polo PSOE co obxectivo de que a cidade recoñecese oficialmente a traxectoria dunha das figuras máis relevantes do deporte lucense. Sen embargo, denunciou que o actual Goberno local tratou inicialmente de impedir o debate da iniciativa no Pleno municipal. “Candia decidiu retirar da orde do día unha proposta que contaba cun amplo consenso social e que simplemente pretendía facer xustiza cunha persoa que dedicou boa parte da súa vida a engrandecer o nome de Lugo a través do deporte”, afirmou.
O líder socialista considera que a decisión anunciada agora polo Goberno municipal supón unha rectificación evidente da súa posición inicial. “Se hoxe existe un expediente en marcha é porque o Grupo Socialista non renunciou a esta reivindicación. Tras impedir o seu debate, volvemos presentar a iniciativa para o Pleno ordinario de xuño e esa determinación obrigou ao Goberno local a actuar”, sinalou.
Miguel Fernández destacou que o recoñecemento a Mariano Castiñeira transcende calquera confrontación política e responde ao sentir de numerosas entidades deportivas, deportistas e persoas vinculadas ao deporte lucense que levan anos defendendo a necesidade deste nomeamento. “Mariano Castiñeira forma parte da historia deportiva da nosa cidade. A súa dedicación, o seu compromiso e a súa capacidade para impulsar o deporte base e o asociacionismo deportivo converterono nun referente para varias xeracións de lucenses”, explicou.
O portavoz socialista subliñou que a concesión do título de Fillo Adoptivo permitirá recoñecer non só unha traxectoria persoal exemplar, senón tamén unha forma de entender o deporte baseada nos valores do esforzo, da participación e do compromiso coa comunidade. “Lugo ten unha débeda de gratitude con Mariano Castiñeira e por fin estamos máis preto de saldala”, indicou.
Fernández lamentou que o Goberno local tentase converter unha cuestión de recoñecemento institucional nun asunto partidista. “O que nos sorprendeu non foi que finalmente asumisen a proposta, porque era de sentido común facelo. O que resulta difícil de explicar é por que intentaron freala nun primeiro momento. A sensación é que o único obxectivo era evitar que prosperase unha iniciativa impulsada polo Grupo Socialista”, afirmou.
“Algúns pensan que facer oposición consiste en criticar. Nós entendémola tamén como a capacidade de propoñer, impulsar proxectos e defender iniciativas positivas para a cidade. Neste caso fixémolo e conseguimos que saíse adiante algo que consideramos xusto e merecido”.
Finalmente, Miguel Fernández mostrou a súa satisfacción polo resultado acadado e trasladou os seus parabéns a Mariano Castiñeira e ao conxunto do deporte lucense. “Hoxe gaña Lugo e gaña o deporte. O importante é que a cidade recoñeza unha persoa que durante décadas contribuíu ao seu prestixio. Nós seguiremos traballando para que os recoñecementos institucionais respondan aos méritos reais das persoas e non aos intereses políticos de quen goberna neste momento”, concluíu.

