Miguel Fernández reivindica en Paradai a obra de renovación da rede de abastecemento impulsada polo anterior Goberno socialista e comprométese a recuperar os proxectos que paralice o PP

Redacción

O portavoz socialista supervisou a evolución dos traballos na rúa Alexandre Bóveda, contratados durante a súa etapa na Alcaldía dentro do plan de modernización das infraestruturas e eliminación do fibrocemento

Fernández reuniuse con veciños, veciñas e representantes do tecido asociativo para coñecer as necesidades actuais do barrio e trasladarlles o compromiso de seguir defendendo as súas demandas

“Paradai non pode perder máis tempo. O que non execute Candia este ano terá que facelo o próximo Goberno progresista porque os barrios merecen feitos e non fotografías”

O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Miguel Fernández, visitou esta semana o barrio de Paradai para comprobar a evolución das obras de renovación da rede de abastecemento na rúa Alexandre Bóveda, unha actuación contratada durante a súa etapa á fronte da Alcaldía e integrada no ambicioso programa municipal de modernización das infraestruturas hidráulicas e eliminación progresiva das conducións de fibrocemento en toda a cidade.

Durante a visita, Fernández estivo acompañado por veciños e veciñas da zona, así como por representantes do movemento asociativo de Paradai, cos que percorreu distintos puntos do barrio para avaliar o estado das actuacións en marcha e recoller de primeira man as principais necesidades e reivindicacións da contorna.

O portavoz socialista destacou que a obra que actualmente se está executando é “un exemplo do modelo de cidade que puxemos en marcha desde o Goberno municipal, baseado na planificación, na renovación das infraestruturas básicas e na mellora da calidade de vida da veciñanza”. “Hoxe estamos vendo como avanzan uns traballos que non naceron dunha improvisación nin dunha nota de prensa, senón dunha planificación seria realizada polo anterior Goberno socialista”, afirmou.

Fernández lembrou que a renovación da rede de abastecemento de Alexandre Bóveda forma parte dun programa máis amplo que permitiu actuar sobre quilómetros de conducións obsoletas, reducindo avarías, mellorando a eficiencia da rede e avanzando na eliminación dun material tan problemático como o fibrocemento. “Mentres outros se dedican a apropiarse de proxectos alleos, nós podemos sinalar actuacións concretas que están hoxe na rúa porque as deixamos preparadas e contratadas”, asegurou.

Ao longo do encontro coa veciñanza, saíron tamén á luz diversas demandas relacionadas coa mobilidade, os espazos públicos, o mantemento urbano e novas actuacións pendentes no barrio. Fernández trasladou aos asistentes que o Grupo Socialista defenderá todas estas reivindicacións diante do actual Goberno municipal para que sexan incorporadas á planificación municipal deste mesmo ano.

“O noso compromiso con Paradai segue intacto. Moitas das actuacións que nos trasladan os veciños xa estaban contempladas nos plans do anterior Goberno local e imos esixir que se executen. Non imos permitir que a moción de censura e os intereses partidistas condenen aos barrios á parálise”, manifestou.

Neste sentido, o portavoz socialista criticou a falta de iniciativa do Executivo encabezado por Elena Candia e apoiado pola concelleira tránsfuga. “Leva un mes vivindo da herdanza que recibiron. Lugo avanza grazas aos proxectos que deixamos preparados, non por unha xestión propia que, a día de hoxe, segue sen ofrecer unha folla de ruta clara para os barrios”, sinalou.

Fernández garantiu ademais que o Grupo Socialista continuará mantendo unha presenza permanente nos distintos barrios da cidade para coñecer directamente as preocupacións da cidadanía e fiscalizar a acción do Goberno local. “Nós facemos política escoitando á xente, percorrendo as rúas e asumindo compromisos reais. É así como se constrúe cidade”, indicou.

Finalmente, trasladou unha mensaxe de confianza á veciñanza de Paradai. “Imos reclamar ao Goberno de Candia e da tránsfuga Reigosa que execute todas aquelas actuacións necesarias para o barrio. E se deciden seguir instalados na inacción, que teñan claro que esas demandas serán unha prioridade absoluta cando volvamos asumir a responsabilidade de gobernar Lugo. Paradai non merece promesas incumpridas nin proxectos gardados nun caixón; merece investimentos, planificación e compromiso”, concluíu.

Comparte este artigo