Miguel Fernández denuncia que Candia “retorceu a normativa” para impedir o debate dunha proposta destinada a recoñecer a unha figura exemplar do deporte lucense
Os socialistas consideran “moi grave” o precedente creado no último Pleno ao vetarse unha iniciativa que buscaba o consenso unánime da Corporación
O portavoz socialista reafirma o compromiso do PSdeG co recoñecemento institucional ao doutor e activista deportivo: “Lugo non pode darlle as costas a quen tanto fixo por esta cidade”
O Grupo Municipal Socialista do Concello de Lugo volverá defender no próximo Pleno da Corporación a proposición para nomear a Mariano Castiñeira Fillo Adoptivo da cidade. Así o anunciou hoxe o portavoz municipal socialista, Miguel Fernández, despois do “preocupante precedente democrático” vivido na sesión plenaria do pasado xoves, na que o Goberno local encabezado por Elena Candia impediu que a iniciativa puidera ser debatida e votada.
A proposta, impulsada polo propio Miguel Fernández, buscaba que a Corporación municipal adoptase por unanimidade este recoñecemento institucional ao doutor Mariano Castiñeira, figura profundamente vinculada ao deporte lucense e ao tecido social da cidade, cunha traxectoria marcada polo compromiso cívico, a promoción dos valores deportivos e o traballo constante a prol de Lugo.
Desde o PSdeG consideran “moi grave” a decisión da alcaldesa de impedir o debate da iniciativa, ao entender que se produciu unha “terxiversación interesada da normativa municipal” co único obxectivo de evitar que a Corporación puidera pronunciarse sobre unha proposta que contaba cun amplo respaldo social e político.
Miguel Fernández lamentou que Elena Candia “utilizase a Presidencia do Pleno para bloquear artificialmente un debate lexítimo e impedir que os representantes públicos puidesen expresar democraticamente a súa posición”. O portavoz socialista advertiu de que o acontecido “non ten precedentes recentes na vida institucional lucense” e supón “unha anomalía democrática impropia dun Concello como o de Lugo”.
“Candia retorceu a normativa para impedir que se debatise unha proposta limpa, construtiva e pensada desde o consenso. O que fixo o pasado xoves foi utilizar mecanismos procedimentais para silenciar unha iniciativa que buscaba unir á Corporación arredor dunha figura exemplar para Lugo”, sinalou Fernández.
O portavoz socialista confirmou ademais que será el mesmo quen volverá defender esta proposición no próximo Pleno “porque Lugo ten unha débeda moral con Mariano Castiñeira e porque ningunha manobra poderá impedir que este recoñecemento chegue”. “Reivindicó personalmente esta iniciativa porque é labor Miño como alcalde que se vía trincado pola moción de censura”, sinalou o voceiro.
“Estamos falando dunha persoa que representa como poucas os valores do compromiso coa cidade, co deporte e coa sociedade lucense. Lugo non pode mirar cara outro lado nin permitir que intereses políticos bloqueen un recoñecemento merecido e xusto”, concluíu.

