Ana González Abelleira celebra a chegada dun novo investimento privado a Lugo, pero lembra que a concesión dunha licenza con todos os informes favorables “non é unha decisión política nin un logro do Goberno, senón unha obriga administrativa do Concello”
A voceira adxunta contrapón a presenza de Candia para anunciar unha residencia privada co seu silencio ante os usuarios e usuarias de As Gándaras, que levan meses reclamando á Xunta unha solución que respecte a súa intimidade
“Candia explicou hoxe perfectamente o seu modelo: apropiarse dos investimentos privados para facer propaganda mentres é incapaz de levantar a voz diante da Xunta para defender os servizos públicos e aos maiores de Lugo”, afirma González Abelleira
O Grupo Municipal Socialista acusou hoxe a Elena Candia de intentar presentar como un logro político do seu Goberno a concesión da licenza para a construción dunha residencia privada en Recatelo, promovida polo Grupo Vallesol cun investimento próximo aos 10 millóns de euros e arredor de 120 prazas.
A voceira adxunta do Grupo Municipal Socialista, Ana González Abelleira, valorou positivamente a chegada dun novo investimento á cidade e a recuperación dun espazo que precisa unha actuación, pero advertiu de que “unha cousa é celebrar que unha empresa aposte por Lugo e outra moi distinta intentar apropiarse dese investimento e vender como acción de goberno a concesión dunha licenza urbanística”.
“Candia chegou a afirmar que esta é a maneira de facer política. Pero conceder unha licenza que conta con todos os informes favorables, como ela mesma recoñeceu, non é facer política: é cumprir coa obriga administrativa que ten o Concello”, sinalou González Abelleira.
A voceira adxunta considera especialmente significativo que Candia utilice a atención ás persoas maiores como argumento para reivindicar a súa xestión precisamente mentres permanece en silencio ante o conflito aberto na residencia pública de As Gándaras.
“Se facer política é resolver problemas e coidar aos nosos maiores, como acaba de dicir Candia, ten unha magnífica oportunidade para demostralo en As Gándaras”, afirmou González Abelleira.
A socialista lembrou que os residentes de As Gándaras levan meses mobilizándose para defender a súa intimidade e manter os seus espazos individualizados ante unha reforma impulsada pola Xunta que contempla habitacións compartidas. “As persoas que viven alí explicaron unha e outra vez o que necesitan. Non están discutindo unha infografía nin un proxecto futuro: están defendendo o seu fogar, a súa intimidade e as condicións nas que queren vivir”, indicou.
González Abelleira incidiu en que os cambios introducidos pola Xunta non resolveron o fondo do conflito. “Poñer unha separación dentro dunha habitación compartida non converte esa habitación nun espazo individual. Os residentes dixérono con absoluta claridade, pero o PP decidiu seguir adiante coa súa solución en lugar de adaptar o proxecto ás persoas que viven alí”, afirmou.
A voceira adxunta lembrou tamén que o Grupo Municipal Socialista levou ao Pleno unha iniciativa para reclamar que non se executase a reconversión destes espazos ata alcanzar unha solución cos residentes, unha proposta que foi rexeitada cos votos do PP.
Para González Abelleira, o contraste entre ambos casos “retrata unha forma de gobernar”. “Para unha residencia privada temos comparecencia, infografías, seguimento e Candia intentando converter en mérito propio un investimento de 10 millóns que realiza unha empresa. Para os maiores dunha residencia pública que levan meses protestando, nin unha palabra para esixirlle á Xunta que os escoite de verdade”, denunciou.
A voceira adxunta insistiu en que o PSOE non cuestiona a implantación da nova residencia nin o investimento anunciado. “Que unha empresa invista en Lugo, recupere un espazo degradado e cree novas prazas é unha boa noticia. O que cuestionamos é que Candia queira utilizar unha iniciativa privada para construír un relato de xestión que non se corresponde coa realidade”, explicou.
“Cada día queda máis claro cal é o modelo do Goberno de Candia: converter a iniciativa privada en propaganda propia mentres renuncia a defender con esa mesma intensidade os servizos públicos”, afirmou.
González Abelleira concluíu reclamando a Candia que empregue a súa posición institucional para defender diante da Xunta unha solución real para As Gándaras. “Se quere demostrar que a súa prioridade é coidar aos maiores, non necesita outra foto. Ten que poñerse do lado dos residentes de As Gándaras e esixir ao Goberno do seu partido que respecte a súa dignidade e a súa intimidade”.

