O PSOE acusa a Candia de “torpedear” a candidatura de Lugo á Axencia Estatal de Saúde Pública e de converter a súa propia desidia nunha arma política

Redacción

O Grupo Municipal Socialista denuncia a “demagoxia, oportunismo e falta de verdade” da alcaldesa e lembra que Lugo chegou ata o final dun proceso no que competiu con “unha candidatura sólida, ambiciosa e perfectamente defendible”

“Candia non pode vir agora a celebrar o fracaso dunha candidatura que ela mesma se encargou de torpedear coa súa desidia e coa súa incapacidade para facer o traballo político que lle correspondía”

“O que estamos comprobando é que para Candia as desgrazas de Lugo son alegrías: canto peor lle vai á cidade, máis argumentos cre que ten para atacar o anterior Goberno”

O Grupo Municipal Socialista considera que as últimas declaracións de Elena Candia contra o anterior Goberno municipal a raíz de que Lugo non fose finalmente escollida como sede da Axencia Estatal de Saúde Pública constitúen “un exercicio de demagoxia política, oportunismo e permanente afastamento da verdade” e evidencian que a alcaldesa “prefire atacar a quen traballou por Lugo antes que asumir as responsabilidades que lle corresponden como alcaldesa”.

Os socialistas lembran que Lugo contou cunha candidatura extraordinariamente competitiva, elaborada desde o convencemento de que a cidade reunía condicións e argumentos suficientes para acoller esta institución estatal. “Non presentamos unha candidatura para cubrir o expediente. Fixemos unha proposta seria, traballada e ambiciosa, coa convicción de que Lugo podía gañar. E conseguimos chegar ata o final do proceso”, sinalan.

De feito, o Grupo Municipal Socialista destaca que Lugo foi capaz de manterse durante dezaseis meses no proceso de selección, competindo por un proxecto de enorme relevancia institucional e económica. “Chegar ata o final non é un fracaso. O fracaso é ter unha oportunidade histórica enriba da mesa e, unha vez chegado ao Goberno, abandonar o traballo necesario para defendela”, subliñan.

Neste sentido, os socialistas consideran especialmente grave que Candia pretenda responsabilizar agora ao anterior Goberno dun resultado que se produciu despois de que o actual Executivo municipal tivese nas súas mans a continuidade e defensa da candidatura.

“Candia recibiu unha candidatura feita, unha posición gañada e un proceso aberto. O que tiña que facer era continuar o traballo, responder con dilixencia aos requirimentos de información que se formularon e desenvolver o necesario labor de convencemento político e institucional. Descoñecemos os pasos que deu”, denuncian.

O Grupo Municipal Socialista acusa directamente á alcaldesa de torpedear as posibilidades de Lugo coa súa desidia ao fronte do Goberno local ao desistir de realizar o traballo político necesario para conseguir apoios. “Nas últimas semanas non perdemos a sede porque a candidatura fose mala. Perdemos unha oportunidade porque quen tiña que defendela deixou de facelo co convencemento necesario porque non era os eu traballo”, afirman.

Os socialistas consideran, ademais, que as críticas de Candia ao anterior Goberno revelan unha preocupante concepción da política municipal. “Unha alcaldesa debería alegrarse de que Lugo chegue ata o final dun proceso para conseguir unha institución estatal. Debería poñer todos os medios para que a cidade gañase. Pero Candia funciona exactamente ao contrario: se algo pode beneficiar a Lugo, apropiase del; se algo sae mal, busca inmediatamente un culpable no anterior Goberno”.

“Candia demostra unha vez máis que as desgrazas de Lugo son alegrías para Candia. Se a cidade perde unha oportunidade, ela gaña un argumento para atacar. Se Lugo avanza, tenta apropiarse do mérito. Esta é a política pequena e oportunista que está a practicar desde que chegou á Alcaldía”, censuran.

O PSOE considera especialmente grave que a alcaldesa tente reescribir agora a historia dunha candidatura que naceu “do convencemento de que Lugo podía e debía aspirar a acoller unha institución estatal desta importancia”. “Non aceptamos que se pretenda presentar como fracaso o feito de ter chegado ata o final dun proceso competitivo. O verdadeiro fracaso é non estar á altura cando che toca continuar o traballo que outros iniciaron”.

Os socialistas reclaman a Candia “menos demagoxia e máis responsabilidade” e esixen que deixe de utilizar a candidatura á Axencia Estatal de Saúde Pública como “unha arma de confrontación política”.

“Lugo merecía unha alcaldesa que defendese esta candidatura ata o último minuto, que atendese cada requirimento, que chamase a todas as portas e que fixese todo o posible para conseguir os apoios necesarios. O que tivemos foi exactamente o contrario: desidia, falta de impulso e ausencia de traballo político cando máis necesario era”, conclúen.

Para o Grupo Municipal Socialista, o comportamento de Candia confirma ademais “un patrón que se repite constantemente: apropiarse do traballo do anterior Goberno cando lle convén e responsabilizalo cando as cousas non saen como ela quere”.

“Non imos permitir que Candia engane á cidadanía. Lugo tivo unha gran candidatura, chegou ao final e competiu con seriedade. Se finalmente non conseguiu a sede, Candia non pode esconder a súa responsabilidade detrás de ataques ao Goberno anterior. A súa obriga era defender Lugo. E non o fixo co convencemento necesario”

Comparte este artigo