O PSOE advirte de que a provisionalidade do centro de saúde da Milagrosa agrava a presión sobre a Atención Primaria

Redacción

Os socialistas critican que a Xunta siga sen ofrecer un calendario actualizado nin explicacións sobre o futuro asistencial do centro, dous meses despois da primeira reclamación do Grupo Municipal Socialista.

Milleiros de veciños e veciñas continúan sen recuperar un servizo sanitario esencial tras dous anos de provisionalidade, unha situación que afecta especialmente ás persoas maiores e con problemas de mobilidade.

“Non podemos falar de reforzar a Atención Primaria mentres a Milagrosa continúa soportando unha situación provisional que nunca debía prolongarse tanto tempo”, afirma Ana González Abelleira.

A concelleira socialista Ana González Abelleira advertiu esta mañá de que a situación provisional provocada polo peche do centro de saúde da Milagrosa está a agravar a presión sobre a Atención Primaria e a prexudicar a calidade asistencial que reciben milleiros de veciños e veciñas dun dos barrios máis poboados de Lugo. A edil reclamou á Xunta de Galicia que deixe de responder con evasivas e ofreza, dunha vez por todas, información clara sobre o estado real da actuación, os prazos previstos e o futuro asistencial do centro.

“A preocupación xa non é só canto duran unhas obras. A preocupación é que unha situación que debía ser excepcional leva dous anos condicionando a atención sanitaria de milleiros de persoas. Cada día que pasa sen recuperar este centro de saúde é un día máis de provisionalidade para a veciñanza e un día máis de presión sobre a Atención Primaria”, afirmou González Abelleira.

A edil lembrou que o Grupo Municipal Socialista xa trasladou ao último Pleno a súa preocupación pola situación da Atención Primaria e pola necesidade de reforzar este nivel asistencial, ao considerar que constitúe a porta de entrada ao sistema sanitario e resulta esencial para garantir unha atención pública de calidade. Neste sentido, advertiu de que o caso da Milagrosa “é un exemplo moi claro do que sucede cando unha solución provisional acaba prolongándose durante anos”.

González Abelleira recordou tamén que hai dous meses o PSOE reclamou á Xunta un calendario actualizado, realista e verificable sobre a evolución das obras. “Dous meses despois seguimos exactamente igual: sen datas, sen explicacións e sen certezas para a veciñanza. Se as obras avanzan ao ritmo previsto, a Xunta non debería ter ningún problema en explicar publicamente en que punto se atopan e cando recuperará a Milagrosa a normalidade asistencial”, sinalou.

A edil advertiu ademais de que a falta de información non só prolonga a incerteza sobre a execución da obra, senón tamén sobre o futuro do propio centro de saúde. “A Xunta segue sen aclarar como quedará organizada definitivamente a Atención Primaria na zona unha vez rematen as obras. Os veciños teñen dereito a saber se recuperarán plenamente o seu centro de saúde e a atención sanitaria de proximidade que perderon hai xa dous anos”, indicou.

Por último, González Abelleira insistiu en que o PSOE seguirá defendendo unha reivindicación compartida por milleiros de veciños e veciñas da Milagrosa e reclamou á Xunta tres compromisos concretos: un calendario actualizado da actuación, máis transparencia sobre a evolución das obras e a garantía de que o barrio recuperará plenamente un servizo sanitario esencial. “O que non pode seguir ocorrendo é que unha situación que naceu como provisional acabe converténdose na nova normalidade para milleiros de lucenses”, concluíu.

Comparte este artigo