O PSOE alerta do “despropósito legal e administrativo” de Candia: o responsable do proceso selectivo acaba proposto para dirixir unha brigada forestal que aínda así non está operativa

Redacción

O Grupo Municipal Socialista denuncia que Candia recurriu a unha solución improvisada que non garante nin a operatividade nin a seguridade do dispositivo para salvar a súa imaxe 

“Pretender solucionar sobre o papel as dificultades para constituír a brigada recorrendo a unha adscrición temporal non pode ser a resposta dun Goberno responsable ante unha emerxencia que require persoal formado, estable, especializado e dispoñible”, sinalou González Aballeira

Os socialistas lembran que o anterior Goberno decidiu non participar nun modelo que presenta graves deficiencias e reclaman á Xunta unha reforma integral do sistema de prevención e extinción de incendios

“Candia preferiu defender o modelo da Xunta e atacar o anterior Goberno antes que garantir un dispositivo eficaz para Lugo; agora a realidade demostra que tiñamos razón”

O Grupo Municipal Socialista esixe á actual rexedora que explique á cidadanía por que a cidade chega a finais de agosto, cando xa transcorreron dous meses de verán e Galicia se atopa en plena campaña de alto risco, sen ter constituída oficialmente a brigada municipal contra incendios forestais que o Goberno local anunciou como unha das súas prioridades.

A portavoz adxunta socialista, Ana González Abelleira, cualificou de “auténtica chapuza” a manobra utilizada polo Goberno de Candia para colocar como xefe da brigada, mediante unha adscrición temporal, a un funcionario que ademais fora responsable do propio proceso selectivo. “É difícil atopar un exemplo máis claro da maneira de gobernar de Elena Candia: cando a súa propaganda choca coa realidade e o procedemento non lle permite conseguir a fotografía que buscaba, improvisa unha saída a medida sen importarlle as dúbidas que poida suscitar desde o punto de vista legal nin a imaxe que transmite á cidadanía”, indicou.

“Estamos falando dunha cuestión que afecta á seguridade no medio rural e non dun xogo político para mellorar a súa imaxe. Candia debería explicar con absoluto rigor como se produce esta decisión, que garantías xurídicas a avalan e como pode acabar dirixindo a brigada unha persoa que previamente foi responsable do proceso para seleccionar a súa xefatura. Esta é a súa forma de xestionar: sen planificación, sen seriedade e forzando solucións de última hora para intentar salvar un anuncio político, aínda que iso implique xogar coa seguridade e poñer baixo sospeita o respecto aos procedementos administrativos”, afirmou a voceira. 

Esta forma de proceder non fai máis que  evidenciaras dificultades atopadas polo Executivo de Candia para cumprir o compromiso que asumiu tras a moción de censura. Despois de que a persoa inicialmente seleccionada abandonase o proceso para incorporarse á brigada doutro concello e de que non prosperasen outras vías de contratación, o Concello optou por adscribir temporalmente a un funcionario que xa desempeña funcións como xefe de servizo para cubrir formalmente a xefatura da brigada. Malia esta decisión, o dispositivo continúa sen estar oficialmente constituído a finais de agosto.

Para o Grupo Socialista, esta situación evidencia a improvisación coa que o Goberno de Candia abordou unha cuestión que afecta directamente á seguridade da cidadanía. “Non estamos ante un problema administrativo menor. Estamos falando de prevención e extinción de incendios forestais. Pretender solucionar sobre o papel as dificultades para constituír unha brigada recorrendo a unha adscrición temporal non pode ser a resposta dun Goberno responsable ante unha emerxencia que require persoal formado, estable, especializado e dispoñible”, sinalou González Aballeira.

A voceira lembra que o anterior Goberno municipal decidiu non constituír esta brigada precisamente despois de analizar as deficiencias do modelo imposto pola Xunta. O sistema establece equipos formados por cinco persoas —un xefe de brigada, un peón condutor e tres peóns— durante contratos de apenas tres meses, entre xullo e outubro. Este sistema do século pasado xera numerosas dificultades spara captar persoal e a competencia entre concellos polas mesmas persoas traballadoras.

“O tempo deunos a razón. Candia utilizou a decisión do anterior Goberno para facer oposición desde o Goberno e presentar como unha suposta falta de vontade política o que era unha decisión baseada en criterios técnicos e de seguridade. Agora vemos que nin sequera coa súa vontade de crear a brigada son capaces de poñela en funcionamento”, denuncia o Grupo Socialista.

A situación de Lugo, ademais, non pode analizarse de maneira illada. O problema afecta ao propio deseño do modelo autonómico. “este non é un problema que afecte só a Lugo. As brigadas municipais pasaron de 263 en 2016 a 151 en 2023, mentres que nese último ano 78 concellos gobernados polo Partido Popular nin sequera chegaron a constituír a súa brigada. As dificultades de contratación e as convocatorias que quedan desertas son, polo tanto, un problema estrutural do sistema e non unha circunstancia exclusiva de Lugo”, sinalou González Abelleira.

Ademias, González Abelleira advirtiu de que unha formación presencial de pouco máis de 16 horas resulta claramente insuficiente para persoas que poden verse obrigadas a intervir ante incendios de quinta e sexta xeración. “O problema non é que Lugo non queira colaborar na prevención. O problema é que a Xunta pretende que os concellos asuman mediante convenios temporais e precarios unha responsabilidade que debe estar sustentada por un servizo público profesional, estable e suficientemente dotado e Candia traga con iso poñendo os intereses do seu aprtido por riba dos da cidadanía lucense”.

Neste sentido, o Grupo Municipal Socialista reclama á Xunta de Galicia que abandone definitivamente este modelo e impulse unha reforma profunda do sistema de prevención e extinción forestal. A alternativa debe pasar por avanzar cara a un servizo público profesionalizado, estable, con persoal suficientemente formado, medios adecuados e capacidade para traballar durante todo o ano, reforzando a prevención e non limitándose a reaccionar cando o incendio xa se iniciou.

A voceira adxunta considera que esta reforma resulta aínda máis necesaria ante a evolución dos incendios forestais e a aparición de lumes cada vez máis rápidos, intensos e difíciles de controlar. “Non podemos afrontar os incendios do século XXI con estruturas fragmentadas, contratos de tres meses e dispositivos improvisados. Necesitamos un modelo preparado para os incendios de quinta e sexta xeración e para unha realidade climática que xa non é a de hai vinte anos”, afirma.

“Candia debe deixar de utilizar a prevención de incendios como unha batalla política contra o anterior Goberno e empezar a preocuparse polo que realmente importa: que Lugo estea preparado para protexer o seu rural e os seus veciños e veciñas. A súa aposta por defender acriticamente un modelo da Xunta que está demostrando ser precario e difícil de executar levou a Lugo a chegar a finais de agosto sen unha brigada operativa. Isto non é xestión: é improvisación. E ante os incendios, improvisar pode ter consecuencias moi graves”, concluído a voceira adxunta.

Comparte este artigo