O PSOE denuncia que Augas de Galicia deixa Lugo fóra dos seus investimentos e reclama o retorno dos recursos que a cidade achega polo Canon da Auga

Redacción

Os socialistas alertan dunha “marxinación histórica” de Lugo e lembran que a recadación deste imposto está legalmente vencellada a programas de investimento e mellora das infraestruturas do ciclo da auga

O Grupo Municipal reclama á Xunta que destine recursos á ampliación do saneamento nas 54 parroquias e critica que o Goberno de Candia non estea defendendo diante de Rueda os intereses da cidade

“Concellos como Poio, Baiona o Salvaterra do Miño levan investimentos que suman un importe próximo aos 7,5 millóns de euros, mentres Lugo queda de novo fora. É intolerable. O PP dí unha cousa á veciñanza e por atrás fai a contraria”, sinalou o edil Jorge Bustos.

“Lugo leva anos contribuíndo a través do Canon da Auga e, mentres tanto, seguimos sen ver un retorno suficiente en obras de saneamento e abastecemento para o noso municipio”, apuntou o edil.

O Grupo Municipal Socialista denuncia a falta de retorno dos recursos que Lugo achega á Xunta a través do Canon da Auga e reclama ao Goberno galego que incremente os investimentos no municipio para mellorar as infraestruturas hidráulicas, especialmente no rural.

O PSOE fai esta denuncia tras coñecer a resolución de Augas de Galicia publicada no DOG do pasado 28 de setembro, na que se dá publicidade aos convenios de colaboración asinados durante o segundo cuadrimestre de 2026. Na relación aparecen actuacións de abastecemento, saneamento e depuración en numerosos concellos galegos, entre eles Viveiro e Friol, na provincia de Lugo, pero non figura ningún convenio de investimento co Concello de Lugo. “Concellos como Poio, Baiona o Salvaterra do Miño levan investimentos que suman un importe próximo aos 7,5 millóns de euros, mentres Lugo queda de novo fora. e intolerable. O PP dí unha cousa a veciñanza e pro atrás fai a contraria”, sinalou o edil Jorge Bustos.

Para os socialistas, esta situación evidencia unha marxinación que Lugo leva sufrindo durante anos no reparto dos investimentos vinculados ao ciclo da auga. “Non estamos falando de pedir un trato de favor para Lugo, senón de reclamar que unha cidade que contribúe de maneira continuada mediante o Canon da Auga vexa tamén investimentos que permitan resolver as súas necesidades. Existe unha débeda de 1,6 millóns anuais desde hai máis dunha década”, sinalou o que fora edil de Urbanismo ata a moción de censura coa transfuga Reigosa, agora supervisora de Infraestruturas no Gobierno de Candia.

O PSOE lembra que o Canon da Auga é un tributo propio da Xunta con natureza de imposto e de finalidade extrafiscal, e que a súa recadación está afectada legalmente ao financiamento de programas relacionados coa prevención da contaminación, os obxectivos ambientais, o investimento, explotación e xestión de infraestruturas hidráulicas e o apoio ás administracións competentes no ciclo urbano da auga.

“Non estamos pedindo que cada euro recadado en Lugo teña que volver automaticamente a Lugo. O que reclamamos é que, despois de tantos anos contribuíndo a través deste imposto, Lugo debe formar parte das prioridades de investimento de Augas de Galicia e debe recibir os recursos necesarios para atender as súas necesidades”, explican os socialistas.

Neste sentido, o PSOE considera especialmente necesario utilizar estes recursos para ampliar a rede de saneamento no rural lucense. As 54 parroquias forman parte do municipio e existen núcleos nos que a extensión das redes de saneamento segue sendo unha demanda veciñal pendente.

“Se durante todos estes anos unha parte dos recursos recadados en Lugo se destinase a ampliar progresivamente a rede de saneamento das nosas parroquias, hoxe teriamos unha cobertura moito maior. Esa é a cuestión: estamos perdendo oportunidades para mellorar a vida dos veciños e veciñas do rural”, sinala o edil Jorge Bustos.

Os socialistas consideran ademais que a relación de convenios publicada polo DOG abre un debate sobre os criterios utilizados por Augas de Galicia para distribuír os investimentos. Na resolución aparecen actuacións de diferentes contías en numerosos concellos galegos, mentres Lugo non figura entre os concellos beneficiarios deste período.

“O Goberno galego ten que explicar con claridade cales son os criterios polos que decide onde inviste e onde non. Porque cando Lugo queda reiteradamente fóra mentres outros concellos si reciben investimentos para mellorar as súas redes de abastecemento e saneamento, é necesario coñecer cal é o criterio seguido e garantir un reparto equilibrado e transparente dos recursos”, afirma Bustos.

O PSOE reclama tamén unha posición máis reivindicativa do Goberno de Elena Candia. Os socialistas consideran que o Concello non pode limitarse a aceptar as decisións da Xunta, senón que debe reclamar activamente os recursos que necesita Lugo e defender ante o Goberno de Alfonso Rueda as necesidades específicas do municipio.

“Non entendemos que a alcaldesa permaneza calada mentres Lugo queda fóra dos investimentos. A súa obriga é defender os intereses dos lucenses e reclamar á Xunta os recursos que corresponden ás necesidades da cidade”, sinalan desde o Grupo Municipal.

Os socialistas poñen o foco especialmente nas parroquias do rural, onde a ampliación do saneamento debería converterse nunha prioridade. “Non se pode anunciar continuamente que se van facer actuacións nas parroquias se despois a Xunta non achega os recursos necesarios para executalas. E incondebible ampliar a nosa rede sen que o Goberno autnómico asuma as súas competencias”, denuncian.

A situación, segundo o PSOE, evidencia a necesidade de que Concello e Xunta establezan un plan plurianual de investimentos en abastecemento e saneamento para Lugo, con prioridades definidas, calendario e financiamento. “O rural non pode seguir esperando. Hai necesidades perfectamente identificadas e hai un imposto que ten entre os seus destinos legais o financiamento de infraestruturas do ciclo da auga”, lembran.

“Lugo leva anos contribuíndo. Agora toca que a Xunta tamén invista en Lugo. O Canon da Auga debe traducirse en mellores infraestruturas, máis saneamento e máis calidade de vida para os veciños e veciñas”, conclúe o Grupo Municipal Socialista.

Comparte este artigo