González Abelleira critica que o Goberno local presente como promoción institucional un material elaborado previamente polo Partido Popular e sen participación dos técnicos municipais de Turismo
A portavoz socialista advirte de que o Concello non pode utilizar a imaxe institucional de Lugo para difundir materiais que non responden a unha planificación técnica nin á estratexia turística municipal
“Para Candia, a promoción turística de Lugo parece consistir en promocionarse a si mesma: a principal imaxe da campaña é a da alcaldesa”
A portavoz adxunta do Grupo Municipal Socialista, Ana González Abelleira, denunciou hoxe a utilización partidista que, ao seu xuízo, está a facer o Goberno de Elena Candia da promoción turística de Lugo, despois de presentar unha nova tarxeta de promoción da cidade que, segundo explicou, non pasou por ningún tipo de filtro ou validación dos servizos técnicos municipais de Turismo.
- González Abelleira critica que o Goberno local presente como promoción institucional un material elaborado previamente polo Partido Popular e sen participación dos técnicos municipais de Turismo
- A portavoz socialista advirte de que o Concello non pode utilizar a imaxe institucional de Lugo para difundir materiais que non responden a unha planificación técnica nin á estratexia turística municipal
- “Para Candia, a promoción turística de Lugo parece consistir en promocionarse a si mesma: a principal imaxe da campaña é a da alcaldesa”
González Abelleira considera especialmente grave que o Goberno local presente como unha acción institucional do Concello un material que xa fora elaborado previamente polo Partido Popular e que agora se incorpora á actividade promocional municipal sen contar coa participación dos profesionais responsables da planificación e promoción turística da cidade.
“Non estamos cuestionando que Lugo se promocione. O que cuestionamos é que se utilice a institución para presentar como propia unha iniciativa que non foi elaborada polos técnicos municipais de Turismo nin responde a unha estratexia turística definida polos servizos municipais. Ata fai unhas horas o código QR enlazaba coa páxina web do PP. É intolerable”, explicou.
A portavoz socialista advertiu de que a promoción turística dunha cidade non pode depender das decisións políticas ou dos materiais previamente elaborados por un partido. “Lugo ten profesionais cualificados, ten servizos municipais de Turismo e ten unha estratexia de cidade. O mínimo que se pode esixir a un Goberno é que utilice ese coñecemento e someta as iniciativas institucionais aos procedementos e criterios técnicos correspondentes”, sinalou.
Neste sentido, González Abelleira lamentou que o Goberno de Candia confunda constantemente os límites entre a acción política e a acción institucional. “Un Concello non é un órgano de propaganda dun partido político. Cando se utiliza a marca e a imaxe institucional de Lugo, hai que actuar con rigor, con neutralidade e pensando exclusivamente nos intereses da cidade”, afirmou.
A edil socialista cuestionou tamén que a principal imaxe utilizada para promocionar Lugo sexa a da propia alcaldesa. “Resulta difícil entender que, nunha cidade cun patrimonio histórico, cultural e natural extraordinario, a imaxe principal dunha acción de promoción turística sexa Elena Candia. Parece que para este Goberno o principal atractivo turístico de Lugo é a propia alcaldesa”, ironizou.
Para González Abelleira, esta forma de actuar evidencia “unha preocupante ausencia de criterio institucional” e unha concepción da promoción turística afastada das necesidades reais da cidade. “Promocionar Lugo require poñer en valor a Muralla, o patrimonio romano, o Arde Lucus, o Camiño Primitivo, a gastronomía, a cultura, a natureza e todo aquilo que fai da nosa cidade un destino singular. Non consiste en utilizar os recursos institucionais para reforzar a imaxe política de quen ocupa temporalmente a Alcaldía”, afirmou.
A portavoz adxunta reclamou ao Goberno local que explique quen elaborou o material, con que criterios se deseñou, por que non contou coa participación dos técnicos municipais e que procedemento se seguiu para convertelo nunha ferramenta oficial de promoción turística do Concello.
“Lugo merece unha promoción turística profesional, planificada e avalada polos seus técnicos. O Concello debe estar ao servizo da cidade, non ao servizo da promoción política do Goberno de quenda”, concluíu González Abelleira.

