O Tribunal cualificador rematou o proceso o 9 de xullo e elevou a proposta das catro persoas que obtiveron praza, pero máis dun mes despois o Goberno de Candia segue sen culminar a tramitación
A demora impide activar a listaxe das persoas que superaron a oposición para cubrir necesidades temporais, mentres o Goberno local continúa adxudicando postos vacantes recorrendo á bolsa anterior
“Que interese ten Candia en manter paralizado un proceso xa resolto mentres se seguen facendo chamamentos a través dunha bolsa anterior? Esta demora pode vulnerar os dereitos das persoas que superaron a oposición”, advertiu a voceira adxunta dos socialistas, Ana González Abelleira
O Grupo Municipal Socialista denuncia que o Goberno de Candia mantén paralizada desde hai máis dun mes a resolución definitiva do proceso selectivo de auxiliares administrativos, impedindo que entre en funcionamento a listaxe das persoas que superaron a oposición e privándoas da posibilidade de acceder ás vacantes e necesidades temporais que se produzan no Concello.
O Tribunal cualificador rematou o seu traballo o pasado 9 de xullo e elevou a proposta correspondente. Desde ese momento, corresponde ao Goberno municipal continuar coa tramitación necesaria para culminar definitivamente un proceso que xa conta coa relación das persoas que o superaron.
“Que interese ten Candia en manter paralizado un proceso xa resolto mentres se seguen facendo chamamentos a través dunha bolsa anterior? Esta demora pode vulnerar os dereitos das persoas que superaron a oposición”, advertiu a voceira adxunta dos socialistas, Ana González Abelleira, quen reclamou ao Executivo local que actúe para garantir que se respecten os dereitos derivados do proceso selectivo.
Ante esta situación, González Abelleira avanzou que trasladará esta preocupación aos representantes sindicais do Concello para abordar as posibles consecuencias da demora tanto sobre as persoas que participaron no proceso como sobre os chamamentos que se están realizando para atender necesidades de persoal.
O proceso corresponde a catro prazas de auxiliar administrativo incluídas na Oferta de Emprego Público de 2023. Tras a realización das probas e o período de alegacións, o 8 de xullo celebrouse un sorteo público para establecer a orde de prelación ante os empates existentes.
Ao día seguinte, o Tribunal acordou propoñer formalmente o acceso en propiedade das catro aspirantes con maior puntuación e elevar a proposta á autoridade convocante.
Unha vez concluída a actuación do Tribunal cualificador, corresponde ao Goberno municipal continuar coa tramitación necesaria para a resolución definitiva do proceso. Entre as actuacións pendentes figuran a publicación oficial da resolución, a comprobación da documentación das persoas propostas, o seu nomeamento como funcionarias de carreira e a posterior toma de posesión.
Unha demora que afecta a decenas de persoas
As consecuencias desta demora non se limitan ás catro persoas propostas para obter unha praza en propiedade. O proceso selectivo establece tamén a constitución dunha listaxe co resto de persoas que o superaron para atender necesidades temporais de persoal.
Esta listaxe debe empregarse para a cobertura de vacantes interinas, substitucións de titulares con dereito a reserva ou acumulacións de tarefas, entre outros supostos, respectando a orde de prelación establecida no proceso.
Ata a resolución deste proceso, estas necesidades viñan atendéndose mediante os chamamentos da bolsa existente. A falta de culminación da nova listaxe provoca que se continúe recorrendo a esa bolsa para realizar coberturas, malia existir xa unha relación de persoas que veñen de superar o novo proceso selectivo.
“Se hai que cubrir temporalmente unha vacante de auxiliar administrativo, hai persoas que superaron unha oposición e que deberían ter a posibilidade de ser chamadas conforme á nova listaxe. Se Candia non culmina o proceso e se segue recorrendo á bolsa anterior, está privando esas persoas desa oportunidade”, explicou González Abelleira.
Os socialistas sinalan que durante o período transcorrido desde o acordo do Tribunal continuaron realizándose diversos chamamentos a través da bolsa anterior. Por este motivo, consideran que a demora deixou de ser unha simple cuestión de prazos administrativos e pode ter consecuencias directas sobre as posibilidades de acceso das persoas que superaron o proceso.
A esta situación súmase a existencia neste momento dun concurso de auxiliares administrativos no Concello, actualmente en período de alegacións e cuxo prazo rematará nos próximos días. Os movementos derivados deste procedemento poden xerar novas necesidades de cobertura, polo que os socialistas consideran urxente que a listaxe resultante do proceso selectivo estea operativa.
“Non falamos dun risco hipotético. Hai un concurso en marcha, poden producirse novas vacantes e o Concello continúa realizando chamamentos. Cada día que Candia demora a resolución aumenta o risco de prexudicar persoas que superaron unha oposición e que teñen dereito a que se respecte o resultado dese proceso”, sinalou a voceira adxunta.
O Grupo Municipal Socialista reclama ao Goberno de Candia que culmine de inmediato a resolución definitiva do proceso de auxiliares administrativos e permita a posta en funcionamento da nova listaxe.
“Candia ten que explicar que interese hai en demorar esta resolución e en seguir recorrendo a unha bolsa anterior cando hai decenas de persoas que acaban de superar un proceso selectivo. Elas xa cumpriron coa súa parte. Agora é o Goberno quen ten que cumprir coa súa”, concluíu González Abelleira.

