Os socialistas presentarán hoxe un recurso de reposición contra a composición da Comisión Especial de Festas ao considerar que vulnera a lexislación vixente en materia de transfuguismo e recorta a representación do Grupo Socialista.
O PSOE denuncia que o Goberno de Candia vende unha falsa imaxe de participación e consenso mentres premia á tránsfuga a costa da representación democrática saída das urnas.
“Non se pode falar de participación cando o primeiro que fai o Goberno é recortar a representación do Grupo Socialista para premiar politicamente á tránsfuga. Iso non é consenso; é desvirtuar a vontade expresada nas urnas”, subliñou Ana González Abelleira.
O Grupo Municipal Socialista denunciou hoxe que o Goberno de Candia está a utilizar a Comisión Especial de Festas para premiar politicamente á tránsfuga, reortando a representación que democraticamente lle corresponde ao PSOE mentres pretende vender á cidadanía unha falsa imaxe de participación e consenso. Por este motivo, os socialistas presentarán hoxe un recurso de reposición contra o acordo plenario aprobado o pasado xoves no relativo á composición da comisión, ao considerar que vulnera o artigo 73.3 da Lei de Bases de Réxime Local, que incorpora os principios do Pacto Antitransfuguismo, e menoscaba os dereitos de representación do Grupo Municipal Socialista.
A voceira socialista, Ana González Abelleira, asegurou que “o Goberno de Candia está intentando enganar á cidadanía facendo pasar por participación o que en realidade é un recorte da representación democrática do Grupo Socialista. Non hai consenso posible cando o primeiro que fai un Goberno é alterar o equilibrio institucional saído das urnas para premiar á tránsfuga. A participación empeza por respectar a representación que decidiron os veciños e veciñas, non por recortala”.
González Abelleira lembrou que o Goberno difundiu unha nota de prensa na que presume de abrir a Comisión Especial de Festas á participación dos grupos municipais, convidándoos a realizar propostas sobre a programación, os concertos, o cartel, o pregón ou a ofrenda. “Iso é unha auténtica venda de fume. Non se pode presumir de abrir unha comisión á participación cando o primeiro que fai o Goberno é recortar deliberadamente a representación dun grupo municipal para premiar á tránsfuga. Non nos fan ningún favor deixando que fagamos propostas; escoitar aos grupos municipais é unha obriga democrática. O realmente grave é que antes xa decidiron recortar a representación que nos corresponde”, afirmou.
A voceira socialista explicou que o recurso de reposición que o PSOE presentará hoxe non cuestiona nin a creación nin o funcionamento da Comisión Especial de Festas, senón a composición aprobada polo Pleno o pasado xoves. Segundo indicou, o acordo reduce a representación do Grupo Municipal Socialista para outorgarlle un posto propio á tránsfuga, unha decisión que, ao entender do PSOE, vulnera a lexislación vixente en materia de transfuguismo ao mellorar a posición institucional dunha concelleira non adscrita en detrimento do grupo político polo que foi elixida. “O que denunciamos é que o Goberno decidiu utilizar unha institución municipal para premiar politicamente á tránsfuga. Iso é incompatible co espírito e coa letra da normativa que precisamente busca impedir que o transfuguismo teña recompensa política”, sinalou.
Ana González Abelleira lembrou tamén que o anterior Goberno municipal actuou cun criterio radicalmente distinto. “Mesmo cando o Partido Popular decidiu abandonar voluntariamente a Comisión de Festas, continuou sendo convocado porque entendiamos que todos os grupos municipais debían estar representados. Agora atopámonos cun Goberno que fala de participación mentres utiliza esa mesma comisión para recortar a representación do Grupo Socialista e premiar á tránsfuga”, indicou.
A socialista advertiu de que “o máis grave non é só o reparto dunha comisión, senón a forma de entender as institucións”. “O Goberno de Candia está a trasladar a mensaxe de que o transfuguismo non só non ten consecuencias, senón que pode ter premio. Iso é exactamente o contrario do que pretende evitar a lexislación vixente e o Pacto Antitransfuguismo”, afirmou.
Finalmente, González Abelleira concluíu asegurando que “o Goberno de Candia non pode falar de participación mentres utiliza as institucións para premiar á tránsfuga e recortar a representación democrática do Grupo Socialista. Iso non é consenso nin participación; é desvirtuar a vontade expresada nas urnas para pagar unha débeda política con quen fixo posible o cambio de goberno”.

