O PSOE esixe ao Goberno de Candia que faga pública a súa folla de ruta para a integración da poboación migrante

Redacción

Os socialistas demandan coñecer que programas están en marcha, que recursos municipais se destinan a esta materia e como se coordinan o Concello, a Xunta de Galicia, as entidades sociais e as asociacións migrantes para favorecer a integración e a convivencia

O Grupo Municipal Socialista solicita tamén información sobre as subvencións, os mecanismos de participación e os indicadores empregados para avaliar a eficacia das políticas públicas desenvolvidas neste ámbito

“A integración non pode quedar reducida a accións puntuais. Require planificación, coordinación institucional e un compromiso estable no tempo. Iso é o que queremos coñecer”, sinala o concelleiro socialista Waldir Sinisterra

O PSOE esixe ao Goberno de Candia que faga pública a súa folla de ruta para a integración da poboación migrante en Lugo e que explique con detalle que programas están actualmente en marcha, que recursos municipais se destinan a esta materia e como se está a coordinar o Concello co resto dos actores implicados para favorecer unha integración efectiva e unha convivencia baseada na igualdade de oportunidades.

Co obxectivo de coñecer o alcance real destas políticas públicas, o Grupo Municipal Socialista solicitou acceso á información relativa aos programas municipais dirixidos á poboación migrante, ás partidas orzamentarias destinadas á súa execución, ás subvencións concedidas ás entidades que traballan neste ámbito e aos instrumentos administrativos que sustentan estas actuacións.

O concelleiro socialista Waldir Sinisterra subliñou que “a integración é unha responsabilidade pública que require moito máis ca boas intencións. Necesita planificación, recursos suficientes, coordinación institucional e unha avaliación continua que permita comprobar se as medidas que se están aplicando responden realmente ás necesidades da cidadanía”.

Entre a documentación solicitada, o PSOE reclama tamén información sobre os mecanismos de coordinación existentes entre o Concello, a Xunta de Galicia e as entidades do terceiro sector, así como sobre o papel que desempeñan as propias asociacións de persoas migrantes na definición e planificación das políticas municipais.

“Ningunha administración pode afrontar en solitario un reto como a integración. É imprescindible saber como se está coordinando o Concello coa Xunta, coas entidades sociais e co propio tecido asociativo das persoas migrantes, porque esa colaboración é fundamental para construír unha cidade máis cohesionada e con máis oportunidades para todos”, afirmou Sinisterra.

Os socialistas solicitan igualmente coñecer os indicadores empregados para medir o impacto destas actuacións, os expedientes administrativos asociados aos diferentes programas, a información relativa ás subvencións concedidas e a forma na que o Concello garante a transparencia destas políticas a través dos distintos instrumentos de publicidade institucional.

Para Waldir Sinisterra, “as políticas de integración non poden limitarse á xestión do día a día. Deben responder a unha estratexia clara, con obxectivos definidos, recursos suficientes e mecanismos de avaliación que permitan melloralas de maneira continua. Só así poderemos saber que funciona, que hai que reforzar e como ofrecer unha mellor resposta ás persoas”.

O concelleiro socialista concluíu lembrando que “falar de integración é falar de convivencia, igualdade de oportunidades e cohesión social. Lugo sempre foi unha cidade aberta e acolledora, pero esa convivencia tamén se constrúe desde as institucións, con políticas públicas serias, coordinadas e transparentes. A cidadanía ten dereito a coñecer cal é a folla de ruta do Goberno de Candia nesta materia e cales son os resultados das políticas que está a desenvolver”.

Comparte este artigo