Ana González Abelleira reclama vixilancia nocturna a través dos operativos necesario para garantir a seguridade da veciñanza ante a presenza continuada de mandas nos portais e contornos residenciais ademáis do risco para a seguridade viaria
As piaras están a causar danos en máis de 220 hectáreas da cidade incluíndo espazos públicos e privados desde Fontiñas ata Magoi, pasando por Marcos Cela, avenida de Madrid, Montirón, Rúa da Bouza e o auditorio Fuxan os Ventos ou o Xardín do Rincón
“A mesa política organizada por Candia foi unha operación cosmética para eximir de responsabilidade á Xunta. Non serviu para nada: necesitamos actuar xa para garantir a seguridade dos veciños e veciñas. O que se vive agora é consecuencia direta da innacción da Xunta durante anos”
“O Goberno autnómico debe poñer en marcha medidas eficaces de control do xabaril, pero o Concello non pode permanecer de brazos cruzados. Ante a gravidade actual, ten que garantir a seguridade veciñal cos medios dos que dispón e activar un dispositivo específico nas zonas afectadas”, explicou
A portavoz adxunta do Grupo Municipal Socialista, Ana González Abelleira, esixiu ao Goberno local a creación inmediata de brigadas municipais de control e seguimento do xabaril ante a situación de máxima gravidade que se está a vivir nas zonas sur e suroeste de Lugo pola presenza continuada de mandas destes animais en contornos residenciais.
A edil socialista advertiu de que o problema superou calquera nivel de gravidade coñecido anteriormente e que, nas últimas semanas, as piaras están a provocar importantes danos en zonas públicas e privadas ao longo dunha extensión superior ás 220 hectáreas. “Estamos falando de animais que xa non aparecen de maneira puntual en espazos periurbanos, senón que están entrando literalmente nos portais dos edificios e obrigando os veciños e veciñas a saír con cazolas e asubíos para afastalos. O que se vive agora é consecuencia direta da innacción da Xunta durante anos”, denunciou.
Segundo explicou González Abelleira, a presenza dos xabarís esténdese desde Fontiñas ata o parque Marcos Cela, pasando pola avenida de Madrid, a rúa Montirón —onde as piaras destrozaron o xardín do Rincón—, a rúa da Bouza —onde levantan de maneira reiterada zonas axardinadas privadas— e a avenida de Magoi, especialmente no contorno do auditorio Fuxan os Ventos. Ainda que está docuemntada presenza tamén na zona norte pero non con tanto risco para integridade da veciñanza como nestas comunidades da zona sur.
“Os danos están a repetirse día tras día. As piaras levantan xardíns, destrúen zonas verdes e deterioran espazos públicos e privados, pero o máis preocupante xa non é só o custo material: é o risco para a seguridade das persoas”, afirmou a portavoz adxunta. Neste sentido, reclamou que o Concello actúe de maneira inmediata nas zonas afectadas e non se limite a esperar por unha resposta doutras administracións.
Ana González Abelleira solicitou a posta en marcha urxente dun dispositivo específico que inclúa supervisión nocturna da Policía Local, presenza de efectivoscualificados e supervisión técnica, capaz de realizar o seguimento das mandas, frear os riscos e coordinar as actuacións necesarias de urxencia. “O Concello ten a obriga de protexer a veciñanza. Non pode haber persoas maiores, familias con nenos ou residentes que teñan medo de entrar ou saír das súas casas pola presenza destes animais”, sinalou.
A concelleira socialista lembrou que o PSOE leva reclamando desde 2024, de maneira reiterada, que a Xunta de Galicia actúe para abordar o problema do xabaril e estableza medidas eficaces de control da fauna salvaxe nos contornos urbanos. “Levamos anos advertindo de que isto podía suceder e esixindo á Xunta que asumise as súas responsabilidades. Hoxe a situación é moito máis grave e xa non admite máis demoras, escusas nin anuncios”, afirmou.
González Abelleira criticou tamén a mesa política organizada por Candia para abordar esta cuestión, ao considerar que se tratou dunha “operación cosmética” destinada a desprazar responsabilidades e eximir a Xunta de Galicia da súa obriga de actuar. “A mesa de Candia non serviu para nada. Non resolveu o problema, non protexeu os barrios e non deu resposta á veciñanza. Foi unha posta en escena política mentres as piaras continuaban entrando nos espazos residenciais”, denunciou.
A portavoz adxunta insistiu en que a responsabilidade debe ser compartida, pero que cada administración ten que actuar dentro das súas competencias. “A Xunta debe poñer en marcha medidas eficaces de control do xabaril, pero o Concello non pode permanecer de brazos cruzados. Ante a gravidade actual, ten que garantir a seguridade veciñal cos medios dos que dispón e activar un dispositivo específico nas zonas afectadas”, explicou.
Finalmente, Ana González Abelleira reclamou ao Goberno de Candia que abandone a política de anuncios e poña en marcha de inmediato as medidas necesarias. “Basta xa de excusas. Lugo necesita actuacións concretas, coordinación institucional e presenza sobre o terreo. Non podemos aceptar que os veciños teñan que defenderse dos xabarís con cazolas e asubíos mentres o Goberno local organiza mesas que non serven para nada. Hai que actuar xa para protexer as persoas, os espazos públicos e os contornos residenciais da cidade”, concluíu.

