O Grupo Municipal Socialista celebra que a súa iniciativa permita dar resposta a unha demanda histórica das parroquias e garantir un servizo básico para as familias que non dispoñen de rede de saneamento
Fernández reivindica que o Goberno de Candia se viu obrigado a reaccionar despois de que o PSOE puxese sobre a mesa unha medida concreta para mellorar os servizos públicos nas 54 parroquias
“O que fixemos foi poñer unha solución concreta enriba da mesa e conseguir que o Concello se comprometa a poñela en marcha tanto en canto logramos que a Xunta de Galicia se involucre na extensión da rede actual, algo que como sabemos leverá tempo e un investimento equivalente a orzamento municipal dos próximo 20 anos”, explicou Miguel Fernández.
O Grupo Municipal Socialista celebrou hoxe que a proposición presentada por Miguel Fernández para crear un servizo municipal de recollida de fosas sépticas a domicilio no rural saia adiante e permita avanzar na resolución dunha das necesidades máis concretas que afectan ás familias das parroquias que aínda non dispoñen de rede pública de saneamento.
Os socialistas consideran que a aprobación desta iniciativa representa un avance para a igualdade de servizos entre o centro urbano e o rural e reivindican que a proposta naceu dunha realidade moi concreta: existen veciños e veciñas que viven en núcleos sen conexión á rede de saneamento e que deben asumir directamente a xestión e o custo do baleirado das súas fosas sépticas.
“Estamos falando dun servizo básico. Vivir nunha parroquia non pode significar ter que resolver individualmente cuestións que no centro da cidade están cubertas por servizos públicos. O que fixemos foi poñer unha solución concreta enriba da mesa e conseguir que o Concello se comprometa a poñela en marcha tanto en canto logramos que a Xunta de Galicia se involucre na extensión da rede actual, algo que leverá tempo e un investimento equivalente a orzamento municipal dos próximo 20 anos”, explicou Miguel Fernández.
A proposta socialista pretende que o Concello articule un sistema de recollida e baleirado das fosas sépticas directamente nos domicilios ou nas explotacións do rural, facilitando o acceso ao servizo ás familias e evitando que cada propietario teña que buscar individualmente unha empresa para realizar estas operacións.
Para o Grupo Municipal Socialista, a medida encaixa directamente na filosofía de igualdade territorial defendida polo anterior Goberno municipal: garantir que as 54 parroquias formen parte efectiva de Lugo e que vivir no rural non implique renunciar a servizos básicos. “O rural non pode ser considerado a periferia de Lugo. As parroquias son Lugo e teñen dereito a servizos públicos de calidade”, sinalou Fernández.
Os socialistas lembran que esta iniciativa forma parte dunha visión máis ampla sobre o rural, baseada na extensión progresiva dos servizos de abastecemento e saneamento, no mantemento das redes existentes, na mellora das pistas e da seguridade viaria, na limpeza e conservación dos espazos públicos e na garantía de conexións e transporte adecuados”, no que ningunha parroquia quede atrás na prestación de servizos.
Fernández destacou ademais o valor político da aprobación da proposición. “É especialmente significativo que o Goberno do PP tivese que reaccionar despois de eu mesmo puxera esta medida sobre a mesa. Primeiro anunciamos a necesidade, despois presentamos a proposta e finalmente conseguimos que se aprobe. Isto demostra que, desde a oposición, seguimos marcando o paso ao Goberno municipal”, afirmou.
O portavoz socialista considera que o recoñecemento da necesidade de crear este servizo por parte do PP evidencia que a proposta respondía a unha demanda real do rural e non a unha cuestión meramente partidista. “Non se trata de quen presenta unha idea, senón de que os veciños e veciñas teñan finalmente o servizo que necesitan. Pero tamén é importante que a cidadanía saiba que, unha vez máis, foi o PSOE quen detectou o problema, formulou unha solución concreta e conseguiu que o Concello a asumise”, engadiu.
O Grupo Municipal Socialista reclama agora que a aprobación non quede nun acordo político sen consecuencias prácticas e que o Goberno de Candia concrete canto antes as condicións de funcionamento do servizo, o sistema de solicitude, os prazos, os medios necesarios e o modelo de prestación para garantir que poida chegar efectivamente ás parroquias.
“Agora toca pasar das palabras aos feitos. Non queremos que isto quede nunha proposición aprobada e gardada nun caixón. Queremos que o servizo se poña en marcha, que os veciños poidan solicitalo con facilidade e que ninguén que viva no rural teña que afrontar en solitario un problema que pode e debe ter unha resposta municipal”, reclamou Fernández.
Finalmente, o portavoz socialista reivindicou que esta iniciativa representa unha forma de facer oposición baseada en propostas concretas e na defensa dos intereses da cidadanía. “Seguiremos facendo exactamente o mesmo: escoitar os problemas, estudar solucións e poñelas enriba da mesa. Se o Goberno as asume e as executa, gaña Lugo. E ese é o noso obxectivo. Pero é evidente que o que está acontecendo con esta proposta confirma que seguimos marcando o paso da acción municipal”, concluíu.

