Ana González Abelleira e Jorge Bustos trasladaron na Comisión de Festas varias cuestións sobre os servizos de apoio á cidadanía sen que o Goberno local puidese concretar aspectos como a localización da caseta de lactación ou dos dispositivos de Protección Civil
O Grupo Socialista reclama reforzar o Punto Violeta durante as madrugadas e pide aclarar a colaboración co tecido asociativo, o Día da Infancia e a entrega de entradas ás atraccións para familias en situación de vulnerabilidade
“Queremos que o San Froilán sexa un éxito, pero unhas festas para todos e todas tamén esixen ter pechados e ben comunicados os recursos de seguridade, igualdade, conciliación e inclusión”, sinalou González Abelleira
O Grupo Municipal Socialista manifestou a súa preocupación pola falta de concreción que continúa existindo arredor de distintos servizos sociais, de conciliación, seguridade e igualdade do San Froilán, a poucos días do inicio das festas. Ana González Abelleira e Jorge Bustos trasladaron estas cuestións durante a Comisión de Festas celebrada este luns, na que quedaron sen resposta ou sen concretar varios dos asuntos formulados.
“Queremos que o San Froilán sexa un éxito, pero unhas festas para todos e todas tamén esixen ter pechados e ben comunicados os recursos de seguridade, igualdade, conciliación e inclusión”, sinalou González Abelleira, que considera necesario que o Goberno local despexe estas dúbidas antes do comezo das patronais.
Os socialistas lembran que estes servizos forman parte da organización das festas e resultan especialmente importantes nunha celebración que durante varios días concentra a milleiros de persoas no centro e no recinto feiral. Por iso, consideran preocupante que, a estas alturas, non se puidese concretar na Comisión onde estarán situados definitivamente determinados recursos como a caseta de lactación ou os dispositivos de Protección Civil.
O propio programa publicado polo Concello inclúe no seu plano de puntos de interese os escenarios, as oficinas de información turística e o Punto Violeta, pero non identifica outros recursos de atención e apoio á cidadanía. Para o Grupo Socialista, ademais de garantir estes servizos, é fundamental que calquera persoa poida saber con facilidade onde atopalos cando os necesite.
Neste sentido, González Abelleira lembra que a caseta de lactación é un recurso consolidado desde hai anos no recinto feiral e que o Concello licitou en 2025 o seu alugueiro, instalación e desmontaxe para as edicións de 2025 e 2026. Por iso, o PSOE reclama que se concrete a súa localización e funcionamento durante estas festas.
Reforzar a protección fronte ás violencias machistas
Unha das principais preocupacións trasladadas polos socialistas refírese ao dispositivo do Punto Violeta. O PSOE considera necesario ampliar a súa cobertura durante as madrugadas para que este recurso estea dispoñible tamén durante a franxa de saída das festas e dos locais de ocio.
O Grupo Socialista pide igualmente que se reforce o dispositivo fixo cunha presenza itinerante que permita levar a información, a prevención e a atención aos distintos espazos nos que se concentra a actividade durante as noites do San Froilán, recuperando fórmulas empregadas en anteriores edicións.
“Non chega con instalar un punto e sinalalo nun mapa. Temos que pensar en como se move a xente durante a noite e garantir que os recursos de prevención e atención estean dispoñibles cando e onde poden facer falta”, explicou González Abelleira.
Día da Infancia e colaboración co tecido social
O PSOE mostrou tamén a súa preocupación pola falta de concreción arredor do Día da Infancia no recinto feiral. Segundo a información trasladada na Comisión, o Goberno local aínda non ten pechado cos feirantes como se desenvolverá esta xornada, tradicionalmente vinculada á aplicación de prezos reducidos nas atraccións.
Os socialistas preguntaron tamén pola continuidade da colaboración entre o Concello, os feirantes e as entidades sociais para facilitar o acceso ás atraccións ás familias en situación de vulnerabilidade. En anteriores edicións, esta colaboración permitiu entregar entradas doadas polos feirantes a asociacións que traballan con familias da cidade.
Para González Abelleira, trátase “de medidas que poden parecer pequenas dentro dun programa tan amplo, pero que marcan unha diferenza moi grande para moitas familias”. Por iso, reclama ao Goberno local que concrete se esta iniciativa terá continuidade e como se articulará a colaboración coas entidades.
O Grupo Socialista considera igualmente necesario aclarar a participación do tecido asociativo nos dispositivos de inclusión e accesibilidade. O programa contempla medidas como a hora sen ruído, pero os socialistas botan en falta maior información sobre a colaboración coas entidades especializadas que durante anteriores edicións contribuíron ao desenvolvemento destas medidas.
“Quedan poucos días. Non estamos pedindo novos grandes anuncios nin máis actuacións. Estamos pedindo que cuestións básicas que afectan á seguridade, á igualdade, á conciliación e á inclusión estean pechadas, coordinadas e explicadas á cidadanía antes de que comecen as festas”, concluíu González Abelleira.

