O PSOE propón crear unha rotonda no corazón do polígono das Gándaras para mellorar a seguridade viaria e anticiparse ao crecemento da actividade industrial e comercial

Redacción

Miguel Fernández reclama ao Goberno de Candia que priorice unha infraestrutura necesaria entre as rúas Durán Loriga y María Barbeito nun dos puntos con maior intensidade de tráfico da zona desde a apertura da derradeira fase do polígono

O voceiro socialista advirte de que a conexión entre As Gándaras, O Ceao e A Campiña incrementou notablemente a circulación de vehículos pesados e a sinistralidade na contorna

“Os remanentes deben destinarse a proxectos que transformen Lugo e melloren a seguridade da veciñanza, non a actuacións pensadas unicamente para obter rendemento electoral”

O voceiro do Grupo Municipal Socialista Miguel fernández anunciou hoxe que o PSOE proporá ao Goberno local a construción dunha nova rotonda na intersección das rúas Durán Loriga e María Barbeito, no polígono industrial das Gándaras, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria e adaptar esta infraestrutura ao importante incremento do tráfico rexistrado nos últimos anos.

Fernández explicou que este cruzamento converteuse nun dos puntos de maior intensidade circulatoria do polígono tras a culminación da última fase das Gándaras e a consolidación da conexión entre este parque empresarial, o polígono do Ceao e a zona da Campiña. “Estamos diante dun nó viario que soporta cada vez máis tráfico, especialmente de vehículos pesados, e no que xa se rexistra unha sinistralidade que fai necesaria unha actuación decidida antes de que se produzan consecuencias máis graves”, advertiu.

O edil socialista considera que a execución dunha rotonda permitiría ordenar os movementos de entrada e saída das distintas vías, reducir a velocidade de circulación e incrementar notablemente a seguridade tanto para os vehículos como para os peóns que se desprazan pola contorna. “É unha solución técnica amplamente contrastada, que mellora a fluidez do tráfico e reduce de forma significativa o risco de accidentes en cruces destas características e nunha intersección cun ancho de calzada considerable”, sinalou.

Fernández Méndez lembrou que o polígono das Gándaras continúa medrando como un dos principais motores económicos da cidade, polo que resulta imprescindible acompañar ese desenvolvemento cunha planificación adecuada das infraestruturas. “Se queremos seguir xerando actividade económica e atraer novos investimentos, tamén temos que ofrecer un viario moderno, seguro e preparado para asumir o incremento da mobilidade que ese crecemento leva asociado”, afirmou o edil que afirmou que se trata dunha reclamación do tecido empresarial da zona que é necesario proxectar unha vez constatada i dinamismo que está adquiriendo esta zona do polígono.

Neste sentido, o concelleiro socialista instou ao Executivo de Elena Candia a incorporar esta actuación entre as prioridades do Concello e a financiar a súa execución con cargo aos remanentes municipais. “Os remanentes existen precisamente para acometer investimentos estruturantes que melloren Lugo durante as próximas décadas. Non poden seguir empregándose en actuacións improvisadas ou de curto percorrido que buscan unicamente impacto mediático”, sostivo.

O responsable socialista criticou que o actual Goberno municipal continúe sen presentar unha planificación seria das actuacións que precisa a cidade. “Mentres nós propoñemos solucións concretas para resolver problemas reais de mobilidade e seguridade viaria, Candia segue instalada na política da improvisación e do titular fácil. Lugo necesita un Goberno que pense no futuro e non nas próximas eleccións”, asegurou.

Finalmente, Miguel Fernández reiterou que esta intervención permitiría reforzar a competitividade dun dos principais espazos industriais do municipio e mellorar a calidade de vida das persoas que traballan diariamente nesta contorna. “Investir en seguridade viaria, en mobilidade e en planificación é investir no futuro de Lugo. Esa é a prioridade que debería marcar a acción do Goberno municipal”, concluíu.

Comparte este artigo