O PSOE reclama a Candia que active de inmediato o Plan Municipal de Vivenda de Miguel Fernández para frear a deriva do mercado e rebaixar o encarecemento dos alugueiros

Redacción

Ana González Abelleira advirte de que o Concello ten ferramentas para aumentar a oferta de vivenda accesible e facilitar o acceso dos mozos e das familias

O plan socialista aposta por mobilizar vivendas baleiras, limitar os usos turísticos e ofrecer seguridade aos propietarios que poñan os seus inmobles no mercado

“Hai que decidir de que lado está este Gobenro local: do lado dos cidadáns que buscan unha vivenda ou do lado dos especuladores”

A portavoz adxunta do Grupo Municipal Socialista, Ana González Abelleira, reclama ao Goberno de Elena Candia que active de inmediato o Plan Municipal de Vivenda elaborado polo anterior Goberno socialista, ante o incremento dos prezos do alugueiro e as dificultades cada vez maiores que atopan os mozos, as familias e tamén as rendas medias para acceder a unha vivenda en Lugo.
González Abelleira considera “incomprensible” que esta estratexia elaborada en coordinación entre o anterior director xeral de Urbanismo Hipólito Pérez, e Evislusa que xa establece medidas concretas para incrementar a oferta de vivenda accesible permaneza “nun caixón desde a moción de censura”, mentres o problema do acceso á vivenda continúa agravándose. “O Concello non pode limitarse a dicir que a vivenda é un problema doutras administracións. Ten competencias e ferramentas para actuar e ten que utilizalas”, sinala.
O Plan Municipal de Vivenda aposta por mobilizar vivendas baleiras, incrementar a oferta de vivenda protexida, facilitar o acceso dos menores de 35 anos, rehabilitar edificios e inmobles, regular os usos turísticos e utilizar a fiscalidade municipal para favorecer o alugueiro accesible. O documento tamén contempla reservar o 40% do novo solo residencial para vivenda protexida e impulsar a adquisición e rehabilitación de inmobles para destinalos ao alugueiro a prezos accesibles.
Entre as medidas propostas figura tamén a creación dun sistema municipal de intermediación no alugueiro, no que o Concello actúe como intermediario entre propietarios e inquilinos, ofrecendo seguridade e garantías aos propietarios para favorecer que poñan as súas vivendas no mercado e, ao mesmo tempo, permitindo establecer condicións de alugueiro a prezos accesibles.
A proposta socialista incorpora ademais unha rebaixa fiscal para os propietarios que poñan os seus inmobles baleiros no mercado de alugueiro, co obxectivo de incentivar a mobilización das vivendas e aumentar a oferta dispoñible. “En Lugo hai sobre 10.000 viviendas baleiras, o Gobenro de Candia decidiu gardar o noso proxecto nun caixón cando o traballo xa estaba avanzado e olvida que ten que crear incentivos para que volvan ao mercado. O noso municipio perdeu cinco meses valiosísimos para avanzar nesta necesidade social”, explica González Abelleira.
O plan tamén contempla axudas económicas para a rehabilitación de vivendas e edificios, especialmente cando estas actuacións permitan recuperar inmobles para o mercado de alugueiro. Para o PSOE, facilitar a rehabilitación é unha dobre oportunidade: mellorar o parque residencial existente e, ao mesmo tempo, incrementar a oferta de vivenda a prezos accesibles sen depender exclusivamente da construción de nova vivenda.
González Abelleira defende tamén a necesidade de frear a transformación de vivendas residenciais en apartamentos turísticos cando esta estea contribuíndo a reducir a oferta de alugueiro habitual, e reclama que o Concello utilice as ferramentas fiscais das que dispón para actuar sobre os grandes propietarios e favorecer o alugueiro a prezos accesibles.
“Non abonda con construír vivenda nova. Hai que mobilizar a que está baleira, aumentar a oferta protexida, facilitar o acceso dos mozos, rehabilitar edificios, ofrecer seguridade aos propietarios, incentivar fiscalmente que as vivendas baleiras saian ao mercado e ordenar os usos turísticos”, subliña a portavoz socialista.
Por iso, González Abelleira pregunta directamente ao Goberno de Candia “de que lado quere estar”: “Do lado dos cidadáns que necesitan unha vivenda para vivir, dos mozos que queren emanciparse e das familias que non poden asumir os prezos actuais, ou do lado dos intereses especulativos? O Concello ten ferramentas para actuar e o que lle falta a este Goberno é vontade política para poñelas en marcha”.

Comparte este artigo