Os socialistas esixen ao Executivo que aclare cando se retomarán realmente as obras, cal será o novo calendario de execución e que medidas adoptará para garantir a súa finalización
O Grupo Municipal Socialista levará estas cuestións á próxima Comisión de Infraestruturas para coñecer o alcance real da modificación anunciada polo Goberno
“Pasamos das promesas de solución inmediata aos anuncios sen datas concretas. Dous meses despois seguimos sen saber cando se retomará realmente a obra, canto custará nin cando poderá estar rematada. Gobernar tamén é ofrecer certezas”, subliñou a voceira socialista, Ana González Abelleira
O PSOE reclama ao Goberno de Candia que deixe atrás os anuncios e concrete, dunha vez, cando se retomarán as obras da Rúa Milagrosa, cal será o novo calendario de execución e que garantías ofrece para asegurar que unha actuación clave para a veciñanza e para o comercio do barrio poida chegar por fin ao seu remate.
Co obxectivo de obter estas explicacións, o Grupo Municipal Socialista levará estas cuestións á próxima Comisión de Infraestruturas, onde solicitará ao Executivo que detalle o alcance da modificación anunciada para esta actuación.
A concelleira Ana González Abelleira criticou a falta de concreción coa que o Goberno de Candia está a abordar este proxecto. “Pasamos das promesas de solución inmediata aos anuncios sen datas concretas. Dous meses despois de acceder ao Goberno seguimos sen saber cando se retomarán realmente as obras nin cando poderá quedar rematada unha actuación tan importante para a Milagrosa. Gobernar tamén é ofrecer certezas”, afirmou.
Entre outras cuestións, o Grupo Municipal Socialista solicitará ao Executivo que concrete a data prevista para aprobar o proxecto modificado, cando está previsto reiniciar efectivamente as obras e cal será o novo prazo de execución, así como as garantías existentes para asegurar que a actuación poida desenvolverse sen novos bloqueos.
Os socialistas tamén pedirán explicacións sobre as medidas que o Goberno de Candia prevé adoptar para reducir o impacto que esta situación continúa provocando tanto na veciñanza como nos establecementos comerciais da contorna, que levan meses convivindo coas consecuencias dunha actuación aínda sen rematar.
Ana González Abelleira incidiu en que “o noso traballo como oposición é facer as preguntas que tamén se está facendo a veciñanza. Se o Goberno asegura que existe unha solución para a Rúa Milagrosa, o lóxico é explicala con transparencia, fixar un calendario claro e ofrecer garantías de que esta obra poderá rematarse sen novos atrasos. Iso é o que esperamos que responda na Comisión.”
A concelleira socialista concluíu lembrando que a reforma da Rúa Milagrosa é unha actuación estratéxica para un dos principais eixos comerciais da cidade e insistiu en que “os veciños e veciñas non necesitan máis previsións nin anuncios xenéricos; necesitan respostas claras, compromisos concretos e un calendario que lles permita saber cando recuperarán por fin a normalidade.”

