O Grupo Municipal Socialista propón mellorar o acceso á A-6 a través da Campiña, construír unha nova rotonda e desbloquear o aparcadoiro vixiado para camións impulsado polo anterior Goberno municipal
A iniciativa recolle necesidades abordadas nas reunións coa Asociación de Empresarios do Ceao e das Gándaras (AEPOCAG), que os socialistas están incorporando á estratexia Lugo 10 para reforzar a competitividade económica da cidade
“As Gándaras necesita infraestruturas e servizos á altura das empresas que xa están instaladas e das que queremos atraer. O futuro industrial de Lugo tamén depende de mellorar as comunicacións e facilitar a actividade económica”, destacou Jorge Bustos
O Grupo Municipal Socialista levará ao próximo Pleno do Concello de Lugo unha proposición para impulsar tres actuacións estratéxicas no polígono industrial das Gándaras, orientadas a mellorar as conexións coa rede de alta capacidade, reforzar a seguridade viaria e ampliar os servizos destinados ao transporte de mercadorías. A iniciativa recolle tamén demandas abordadas nos encontros mantidos por Miguel Fernández e o seu equipo coa Asociación de Empresarios do Ceao e das Gándaras (AEPOCAG), no marco do traballo de elaboración e desenvolvemento da estratexia Lugo 10.
“As Gándaras é un dos grandes motores económicos da nosa cidade e temos que garantir que as súas infraestruturas acompañen o crecemento das empresas. Non abonda con dispoñer de solo industrial: necesitamos boas comunicacións, seguridade e servizos que permitan ás empresas ser máis competitivas, atraer investimentos e xerar emprego”, explicou o concelleiro socialista Jorge Bustos.
Os socialistas subliñan que estas reunións permiten identificar necesidades concretas, contrastar prioridades coas empresas e transformar as súas achegas en propostas que poidan impulsarse desde o Concello. Neste sentido, a proposición forma parte do traballo que o Grupo Municipal está desenvolvendo para incorporar a visión do tecido produtivo á planificación de Lugo para a próxima década.
Unha conexión estratéxica coa A-6
A primeira das propostas reclama á Xunta de Galicia que impulse a conexión do polígono das Gándaras coa autovía A-6 a través da Campiña. Trátase dunha infraestrutura que permitiría mellorar os accesos ao recinto industrial, facilitar o transporte de mercadorías e reducir os tempos de desprazamento, reforzando a posición competitiva das empresas lucenses respecto doutras áreas industriais situadas ao longo deste eixo de comunicación.
Bustos destacou que esta conexión require a implicación da Xunta e reclamou ao Goberno municipal que asuma un papel activo para avanzar na súa execución. “Non podemos aspirar a competir cos principais polos industriais do noroeste se as nosas empresas non dispoñen de conexións axeitadas. O Concello debe defender esta infraestrutura diante da Xunta e traballar para que deixe de ser unha demanda pendente”, sinalou.
Mellorar a seguridade viaria no interior do polígono
A segunda actuación consiste na construción dunha nova rotonda na intersección das rúas Durán Loriga e María Barbeito, un punto no que conflúen os desprazamentos asociados á actividade industrial e a circulación habitual de vehículos pesados.
Os socialistas consideran necesario actuar nesta intersección para mellorar a ordenación do tráfico, reducir situacións de risco e facilitar unha circulación máis segura e fluída para os transportistas e as persoas que traballan ou se desprazan polo polígono.
Desbloquear o aparcadoiro vixiado para camións
A terceira proposta reclama ao Goberno de Elena Candia que desbloquee e culmine o procedemento de contratación do aparcadoiro vixiado para camións previsto na rúa Aller Ulloa, unha iniciativa impulsada polo anterior Goberno municipal que continúa pendente de poñerse en funcionamento.
O proxecto contempla a habilitación dun espazo seguro para o estacionamento de vehículos pesados, con posibilidade de pernocta e servizos de vixilancia, destinado a mellorar as condicións de traballo dos transportistas e a seguridade dos vehículos e das mercadorías.
“Estamos falando dun proxecto que xa impulsamos cando tiñamos responsabilidades de goberno e que responde a unha necesidade real do sector do transporte. O que lle pedimos a Candia é que complete os trámites pendentes e permita que este servizo entre en funcionamento”, afirmou Bustos.
Lugo 10: trasladar as necesidades do tecido empresarial a propostas concretas
Bustos enmarcou estas actuacións no traballo que Miguel Fernández está desenvolvendo co tecido empresarial e asociativo da cidade para construír a estratexia Lugo 10, coa que os socialistas pretenden definir as principais prioridades de desenvolvemento do municipio para a próxima década.
“As reunións con AEPOCAG permítennos coñecer de primeira man os problemas que atopan as empresas no seu día a día e identificar as actuacións que poden mellorar a súa actividade. E ese traballo ten que traducirse en propostas concretas, como as que agora levamos ao Pleno”, explicou o concelleiro.
O Grupo Municipal Socialista defende que reforzar as conexións, a seguridade e os servizos das Gándaras permitirá apoiar as empresas que xa están instaladas, favorecer a súa expansión e crear mellores condicións para atraer novos investimentos e oportunidades de emprego a Lugo.

