A carreira do Circuíto Correndo por Ourense provocará cortes de tráfico no centro da cidade este sábado desde as 19.00 h

Redacción

A Policía Local do Concello de Ourense informa do dispositivo especial de tráfico deseñado co obxectivo de garantir a seguridade viaria durante a celebración da Carreira do Centro. Esta proba está integrada no circuíto de Carreiras Populares “Correndo por Ourense”, que organiza o Consello Municipal de Deportes, e comezará ás 22.00 horas.

A saída estará na rúa do Paseo (fronte á Delegación de Defensa), e continuará polas rúas Concello, Xoán XXIII, Progreso, avenida de Pontevedra e Lamas Carvajal para rematar de novo no Paseo. O dispositivo afectará de forma importante á circulación no centro da cidade entre as 21.00 h e as 23.00 h, aproximadamente.

O primeiro corte de tráfico será ás 19.00 horas. A rúa do Paseo pecharase para proceder á montaxe da zona de saída e meta.

As 21.30 horas serán os demais cortes de tráfico, que afectarán ás rúas

  • Xoán XXIII. A circulación pecharase á altura da avenida da Habana. O tráfico desviarase cara á praza de Concepción Arenal.
  • Cruzamento de Xoán XXIII – Progreso – Ervedelo. Permitirase a circulación tanto en dirección á rúa Ervedelo como cara á rúa Progreso (en sentido Xardín do Posío). Porén, non se permitirá o acceso en sentido ascendente cara á rúa Concordia nin cara á rúa Xoán XXIII, e tampouco se poderá entrar aos aparcadoiros públicos deste tramo.
  • Desengano. A vía quedará cortada desde a baixada da Praza de Abastos e o tráfico desviarase por rutas alternativas.
  • Parada Justel. Impedirase o acceso de vehículos desde Doctor Fleming.
  • Praza de Abastos. O tráfico procedente do Posío desviarase en dirección á praza de Abastos número 1 e cara á rúa Doctor Fleming.

Recomendacións e restricións a particulares

A Policía Local lembra que, durante o desenvolvemento da carreira, a calzada será utilizada de forma simultánea polos corredores e polos vehículos que circulen no mesmo sentido, os cales estarán debidamente delimitados por balizamento. Por este motivo, solicítase á cidadanía extremar as precaucións, e respectar en todo momento as indicacións dos axentes, as normas de tráfico e de seguridade viaria e evitar estacionamentos indebidos.

Do mesmo xeito, infórmase aos propietarios de prazas de aparcamento privadas e garaxes situados nas zonas afectadas que non poderán facer uso delas entre as 21.00 h e as 23.00 h, e desde as 19.00 h na rúa do Paseo.

O Concello de Ourense agradece de antemán a colaboración veciñal para o correcto discorrer desta cita deportiva.

Comparte este artigo