A cidade de Ourense celebra este domingo a Festa dos Maios, cos tradicionais concursos de maios e coplas e un concerto de Amancio Prada

Redacción
Lectura mínima de 3

O concurso convocado polo Concello repartirá 42.000 euros en premios e axudas

A cidade de Ourense celebrará este domingo, día 3 de maio, unha nova edición da Festa dos Maios, cita de interese turístico de Galicia, cos tradicionais concursos de coplas e maios, que estarán expostos na rúa do Paseo, e un concerto de Amancio Prada, entre outras propostas nesta tradicional festa que dá a benvida a primavera.

A programación de actividades organizadas pola Concellería de Artes e Festexos comezará ás 10.30 horas, cun obradoiro de confección de coroas e peiteados, nos xardíns do Padre Feijoo.

Ás 11.00 horas comezará a exposición, na rúa do Paseo, dos maios que participan no concurso convocado polo Concello para esta celebración.

Ás 11.30 horas haberá unha ruada cos cabezudos e xigantes con música tradicional, desde a rúa do Paseo, polo parque de San Lázaro, a rúa Santo Domingo, a praza do Ferro, a rúa da Paz, a rúa das Tendas e a Praza Maior.

Ás 12.00 h comezará o canto de coplas diante do xurado, tamén no Paseo.

Pola tarde, as actividades trasladaranse á Praza Maior, co acto de entrega de premios, ás 19.00 horas, e o canto das mellores coplas.

A xornada rematará cun concerto de Amancio Prada, ás 19.30 horas, tamén na Praza Maior.

Concurso de coplas e maios

O concurso de coplas e maios convocado polo Concello repartirá este ano 42.000 euros en premios e axudas, en diferentes categorías.

  • Maio Artístico: Para obras que recreen escenas cotiás, monumentos ou personaxes con elementos tradicionais, haberá premios de 1.000, 800 e 600 euros.
  • Maio Enxebre: Para as tradicionais figuras de pirámide, cono ou cruceiro, haberá premios de 700, 500 e 400 €.
  • Maio Creativo: Para representacións de maios enxebres (pirámides, conos ou cruceiros), coa posibilidade de usar calquera técnica ou material: premio de 500 euros.
  • Maio Infantil: Premios de 500, 300 e 200 €.
  • Para as mellores coplas (en 2 categorías: persoas adultas e infantil): haberá premios de 500, 300 e 200 €.

Ademais dos premios, o Concello concederá unha axuda pola participación de 400,00 € a cada maio presentado que estea debidamente elaborado.

Comparte este artigo