A Deputación inviste máis de 2,2 millóns de euros neste mandato en Ribadavia para blindar o comercio local, potenciar o rural e erguer referentes deportivos

Redacción
VIisita Luis Menor Pérez (Presidente da Deputación de Ourense) acompañado do alcalde, César Fernández Gil, e das concelleiras Yolanda Gómez Gómez, Lara Loeda Soto, Mariluez Expósito Pérez, Regina Baamonde García e Miguel García Domínguez. Durante a visita ó Pavillón Municipal, acompañousno o director do Servizo Municipal de Deportes José Manuel Pérez Otero.

O presidente provincial, Luis Menor, visitou hoxe algunhas das actuacións realizadas en colaboración coa institución provincial na que se comprometeu a “seguir traballando de forma estreita e coordinada para que Ribadavia continúe liderando o pulo socioeconómico, comercial e deportivo que merece esta comarca”

A visita á vila comezou no Centro Deportivo Municipal “O Consello”, para continuar supervisando as obras de mellora realizadas na estrada da Veiga e a dotación de nova maquinaria para labores de prevención

O alcalde de Ribadavia destacou o “papel fundamental” que xoga a Deputación para “equilibrar o territorio e prestar servizos de calidade en todos os puntos de provincia”. Mostra desa cooperación é o ”O Consello”, “un centro de adestramento deportivo de vangarda, con máis de 1.200 aboados e cunha repercusión directa na mellora da calidade de vida da veciñanza da vila e da comarca”

A Deputación de Ourense investirá máis de 2,2 millóns de euros neste mandato no municipio de Ribadavia para blindar o comercio local, potenciar o rural e erguer referentes deportivos, entre outras actuacións. O presidente provincial, Luis Menor, realizou hoxe unha visita institucional, xunto ao alcalde de Ribadavia, César Fernández e membros do goberno municipal, para comprobar sobre o terreo o avance e o resultado de proxectos clave financiados pola institución provincial.

A visita á vila comezou no Centro Deportivo Municipal “O Consello”, supervisando a continuación as obras de mellora realizadas na estrada da Veiga e a dotación de nova maquinaria para labores de prevención de lumes. Ao longo do actual mandato, a Deputación investirá 2.205.506 euros en Ribadavia, sumando os  994.516 euros do Plan CooperOU e 1.210.990 euros en investimentos directos.

Luis Menor comprometeuse a “seguir traballando de forma estreita e coordinada, para que Ribadavia continúe liderando o pulo socioeconómico, comercial e deportivo que merece esta comarca”. Neste sentido, o presidente provincial louvou o traballo do alcalde de Ribadavia afirmando que está “transformando en tres anos de mandato a súa vila cunha xestión municipal inapelable, que combina un deseño estratéxico coas necesidades do Concello  e da xente”. Rematou felicitando ao alcalde e ao seu equipo de goberno porque están “a darlle unha volta completa ao Concello, poñéndoo ao nivel do que queremos facer en toda a provincia”

Pola súa banda, o alcalde de Ribadavia destacou o “papel fundamental” que xoga a Deputación para “equilibrar o territorio e prestar servizos de calidade en todos os puntos de provincia”. Mostra, precisamente, desa cooperación é o pavillón municipal que é “un centro de adestramento deportivo de vangarda, con máis de 1.200 aboados e cunha repercusión directa na mellora da calidade de vida da veciñanza da vila e da comarca”, salientou o alcalde, quen se mostrou “satisfeito” por lograr ese compromiso de goberno de renovar e modernizar as instalacións deportivas municipais afirmando que “tres anos despois é unha realidade”.

“O Consello”: un referente deportivo de vangarda

O percorrido pola vila do Ribeiro comezou no Pavillón Municipal “O Consello”, unha infraestrutura que se converteu nun espazo de vangarda adaptado ás necesidades do século XXI. Esta gran reforma para dotar á veciñanza dun moderno ximnasio, contou cun investimento próximo aos 1,3 millóns de euros, dos cales a Deputación achegou 500.000 euros.

A maiores, ao inicio do mandato xa se acometera unha reforma integral da pista central do pavillón por un importe de 161.436,34 euros, para instalar un novo pavimento flotante e renovar os asentos das bancadas. O pavillón está a dar servizo diario a dez equipos federados, escolares, veciñanza e aos programas de base Xogade e Adestra a túa saúde, sendo un eixo prioritario na promoción do deporte no rural. 

Mellora de infraestruturas viarias e medios municipais

Posteriormente, o presidente provincial e o goberno municipal de Ribadavia supervisaron o resultado da actuación integral levada a cabo na estrada da Veiga (San Cristovo), unha obra historicamente moi demandada pola veciñanza e que serve de nexo de unión entre Ribadavia, Carballeda de Avia e Beade. 

Cun orzamento de 225.638,84 euros —financiado integramente pola Deputación a través do Plan CooperOU 2025—, a vía renovou por completo o seu firme e o sistema de drenaxe, garantindo a seguridade viaria para os máis de 200 habitantes da zona e o acceso a importantes áreas de viñedo. 

De igual xeito, a visita serviu para comprobar os novos medios materiais incorporados na nave municipal para o mantemento da contorna. A Deputación financiou a adquisición dun novo tractor rozadoira, esencial para a limpeza e prevención de incendios forestais, ao que se suma un novo camión con cesta elevadora, adquirido a través do Plan CooperOU 2024, para a realización de traballos en altura con total seguridade. 

Aposta polo comercio local coa Praza de Abastos

Durante a visita destacouse ademais que o Consello da Xunta desta semana deu luz verde ao convenio entre o goberno autonómico, provincial e local para a reforma da Praza de Abastos de Ribadavia. O proxecto buscará modernizar as instalacións para adaptalas aos novos tempos e facelas máis atractivas tanto para a veciñanza como para o turismo, mantendo sempre a súa esencia tradicional. 

Comparte este artigo