A nova normativa da Dirección Xeral de Tráfico obriga a adaptar os semáforos das cidades para protexer os peóns

Redacción

O Concello está a executar os cambios esixidos: nos pasos peonís non poderán coincidir a luz ámbar intermitente para coches coa verde para viandantes

A regulación estatal entra en vigor o próximo xoves, 1 de outubro

A nova normativa estatal da Dirección Xeral de Tráfico (DXT), que entrará en vigor o vindeiro día 1 de outubro, obriga a reestruturar a regulación semafórica nas cidades. A principal medida imposta polo Real Decreto 518/2026 establece que nos pasos para peóns regulados por sinal luminosa non poderá coincidir a luz amarela intermitente para vehículos coa luz verde para os viandantes.

O Concello de Ourense está a adaptar os dispositivos da cidade a esta modificación do regulamento de circulación. Os traballos xa comezaron e avanzan segundo as necesidades de cada cruzamento.

A partir do 1 de outubro, como norma xeral, nos pasos regulados prohíbese a simultaneidade do verde fixo peonil co amarelo intermitente para automóbiles. Ademais, cando se empregue dita fase amarela, deberá estar precedida obrigatoriamente por unha luz vermella fixa para os coches. Este cambio afecta, entre outras situacións, aos xiros cara a outra rúa onde exista un paso peonil.

O Concello xa realizou modificacións en distintas interseccións e continúa coa reprogramación dos semáforos e coas actuacións necesarias na vía pública. Do mesmo xeito, solicítase aos condutores que presten especial atención á nova sinalización, respecten as fases e eviten bloquear as interseccións, ademais de seguir as indicacións dos axentes da Policía Local.

Comparte este artigo