Rivas reivindica en San Simón a recuperación da memoria histórica para “garantir que a barbarie non se repita

Redacción

• A alcaldesa de Redondela e a concelleira de Cultura, Rita Pérez, participaron este domingo na visita guiada ao antigo campo de represión franquista. A actividade, promovida pola Subdelegación do Goberno, busca achegar á mocidade a realidade da represión para fortalecer os valores democráticos.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, acompañada pola concelleira de Cultura, Rita Pérez, participou este domingo na visita guiada á Illa de San Simón, unha iniciativa de divulgación organizada baixo o impulso da Subdelegación do Goberno en Pontevedra e do Comisionado para a Celebración dos 50 anos de España en liberdade, en colaboración co medio cultural A Movida.

A actividade, que forma parte do ciclo «O Vigo máis escuro», consistiu nun percorrido pola illa para dar a coñecer a historia deste espazo emblemático da ría como lugar de represión e a durísima realidade que sufriron as persoas que alí estiveron presas durante a Guerra Civil e a posguerra. A ruta estivo conducida polo especialista Matías Rodríguez, intérprete do antigo campo de concentración e cárcere franquista da Illa de San Simón.

Durante a xornada, Rivas fixo fincapé na necesidade de manter viva a memoria democrática nos escenarios onde aconteceron os feitos, como ferramenta imprescindible de educación e prevención para as novas xeracións: «Para Redondela a Illa de San Simón non é só un tesouro patrimonial e paisaxístico, senón un símbolo irrenunciable da nosa memoria democrática. Agradecemos o impulso de iniciativas coma esta, para achegar a historia á sociedade con rigor. Coñecer o que pasou é imprescindible para valorar as liberdades das que hoxe gozamos e garantir que a barbarie non se volva repetir», sinalou a rexedora.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Rita Pérez, subliñou o compromiso constante do Concello de Redondela coa divulgación histórica e o apoio a todas aquelas propostas culturais que contribúan a poñer en valor o patrimonio material e inmaterial do municipio.

A visita á illa de San Simón enmárcase en «O Vigo máis escuro. Roteiros da memoria democrática para lembrarmos o que non debería volver», unha iniciativa organizada pola Subdelegación do Goberno en Pontevedra e desenvolvida por A Movida, que forma parte da programación de «España en Liberdade. 50 anos», impulsada polo Comisionado do Goberno para a celebración dos 50 anos de España en Liberdade. O proxecto comprende tres roteiros guiados e gratuítos por espazos vinculados á memoria democrática de Vigo e da súa contorna, co obxectivo de achegar á cidadanía, especialmente á mocidade, o coñecemento da represión franquista e fomentar a reflexión sobre a importancia dos dereitos e das liberdades democráticas.

O programa continuará con outros dous percorridos. O primeiro, «A declaración do Estado de Guerra de 1936 en Vigo», sobre o golpe militar en Vigo e o segundo, «O Vigo da Lexión Cóndor», terá lugar o sábado 5 de decembro, que permitirá coñecer a presenza da aviación nazi durante a Guerra Civil e a súa vinculación con Vigo. As inscricións para estes dous roteiros abriranse os días 23 e 30 de novembro, respectivamente, a través de amovida.gal.

Comparte este artigo