A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense desenvolverá mañá xoves, día 8 de outubro, ás 13.30 horas, a súa sesión ordinaria desta semana. A orde do día inclúe 21 propostas de acordo presentadas polos servizos municipais de Licenzas, Disciplina, Patrimonio, Contratación, Transportes e Avogacía Consistorial.
Licenzas (5). Resolverá as solicitudes de licenzas de obras para os proxectos de acondicionamento de tres edificios (na praza da Lexión e nas rúas Vicente Risco e Doutor Fleming); para a instalación dun ascensor nun inmoble na avenida de Bos Aires e para a rehabilitación de edificacións existentes destinadas a vivenda unifamiliar no lugar de Quintela de Velle.
Disciplina (1). Recoñecerá unha obriga a favor dun xulgado de Ourense polo pagamento de custas procesuais derivadas dun procedemento ordinario.
Patrimonio (3). Dará conta de tres expedientes de recuperación de danos causados por vehículos en bens de titularidade municipal.
Servizo de Contratación (1). Convalidará o gasto comprometido para o contrato de subministracións e servizos para a implantación dos sistemas de monitorización da calidade do aire e do ruído da Zona de Baixas Emisións Ourense Centro.
Transportes (1). Anulará a fase A do contrato de transporte público colectivo do Concello de Ourense 2026-2031 para o ano 2026.
Avogacía Consistorial (11). Dará conta dunha sentenza ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de tres do Tribunal de Instancia da Sección do Contencioso-Administrativo (praza número 2 de Ourense), outra da praza número 1 de Vigo, outra do Tribunal de Instancia da Sección do Penal (praza número 2 de Ourense), así como dun auto da praza número 1 de Ourense e dunha providencia do Tribunal Supremo. Así mesmo, será informada de que o Concello comparecerá en tres procedementos (dous abreviados e un ordinario) diante do Tribunal de Instancia da Sección do Contencioso-Administrativo (praza número 1 de Ourense).

