Ángeles Álvarez, proposta como candidata á alcaldía de Verea e presidenta da xestora local do Partido Popular

Redacción

·      Álvarez afronta con este paso a súa primeira aproximación á política local. Unha oportunidade que, segundo afirmou, buscaba desde hai tempo para poder traballar polo seu concello, co que mantén desde sempre unha estreita vinculación 

·      O presidente provincial, Luis Menor, quixo expresar o seu agradecemento a Ángeles Álvarez por asumir o reto de iniciar unha nova etapa en Verea para recuperar a presenza institucional e a alcaldía, un goberno que o PP xa liderou durante doce anos 

A agrupación local do Partido Popular de Verea propuxo a María de los Ángeles Álvarez Pérez como candidata á alcaldía e presidenta da xestora local do partido.

Ángeles Álvarez (Verea, 1978), cuxa traxectoria profesional abrangue os ámbitos dos recursos humanos, a formación e o sector sociosanitario, afronta con este paso a súa primeira aproximación á política local. Unha oportunidade que, segundo afirmou, buscaba desde hai tempo para poder traballar polo seu concello, co que mantén desde sempre unha estreita vinculación: “Aquí nacín, crieime e vivo, e agradezo a oportunidade que me deu a dirección provincial para participar na vida municipal”.

A candidata e presidenta local do PP é consciente de que asume un gran reto ante unha situación complicada, xa que actualmente o partido atópase sen representación na Corporación municipal. No entanto, a candidata sostén que a súa firme vontade de traballar polo progreso do concello é un importante punto de partida para concorrer ás próximas eleccións municipais.

Co convencemento de que “todo se pode mellorar”, Ángeles Álvarez afirma ter numerosos proxectos para contribuír ao futuro de Verea. Entre as súas principais propostas, destaca a necesidade de priorizar a atención e o benestar dos maiores. Así mesmo, aposta por fomentar programas de formación que permitan aos veciños e veciñas traballar na súa propia terra, impulsando áreas como o sector sociosanitario, o agroforestal e o gandeiro.

Para desenvolver estas iniciativas, o seu obxectivo é formar un equipo de traballo interxeracional que reflicta a realidade poboacional de Verea, sumando perfís técnicos e persoas mozas.

Pola súa banda, o presidente provincial do PP, Luis Menor, quixo expresar o seu agradecemento a Ángeles Álvarez por asumir o reto de iniciar unha nova etapa en Verea. A meta fixada é recuperar a presenza institucional e a alcaldía, un goberno que o PP xa liderou durante doce anos. O líder dos populares ourensáns puxo en valor o perfil da candidata e, moi especialmente, a ilusión que transmite ante este importante reto que “buscaba desde hai anos e agora ve cumprido”.

Comparte este artigo