A Xunta de Goberno aprobou o proxecto de modificación orzamentaria para esta iniciativa de apoio ao comercio e hostalaría local
Gonzalo Jácome: “Repetiremos o bono comercio porque foi unha das mellores cousas que se fixeron na cidade nos últimos anos”
O goberno municipal do Concello de Ourense impulsa unha nova edición dos Bonos Comercio, coa finalidade de mobilizar 10 millóns de euros para incentivar o consumo nos establecementos comerciais e de hostalaría da cidade.
A Xunta de Goberno Local aprobou este mediodía, nunha sesión extraordinaria e urxente, o proxecto de modificación orzamentaria 4P/2026, que dotará o crédito para desenvolver esta iniciativa, que repetirá o modelo da levada a cabo no ano 2023.
Así o explicaba esta mañá o alcalde, Gonzalo Jácome: “repetiremos o bono comercio porque foi unha das mellores cousas que se fixeron na cidade nos últimos anos. Non xa porque lle estás devolvendo unha parte dos impostos á veciñanza, e para moita xente é un bono social; senón tamén porque cumpre a función de revitalizar o comercio presencial, o comercio físico, o pequeno comercio ourensán”.
Pérez Jácome lembrou o impacto positivo dos bonos na anterior edición: “asociáronse arredor de 1.000 centros e todos coincidiron en que foi unha bendición. Pídeno a berros”, dixo en relación a unha segunda convocatoria. Subliña o alcalde que “non só lles leva clientes, que regresan ás tendas físicas en vez de comprar online, tamén os fideliza. Moita xente entra a unha tenda para facer unha compra e logo volve xa sen o bono”.
A proposta prevé financiarse con fondos procedentes do remanente de tesourería para gastos xerais. Será elevada ante o Pleno do Concello para que proceda, no seu caso, á aprobación provisional da modificación orzamentaria proposta.

