O Centro Cultural Marcos Valcárcel inaugura “El aprendiz de arquero”, unha mirada de Pateiro á intimidade e ás emocións humanas

Redacción

O artista toma ao seu fillo como modelo para reinterpretar figuras e escenas da historia da arte, nun percorrido que combina diferentes técnicas e tratamentos entre o realismo e a abstracción

O Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense inaugurou esta tarde a exposición “El aprendiz de arquero”, do artista Pateiro, nun acto no que participou o director da Área de Cultura, Marcos Vázquez. A mostra reúne unha serie de obras que, a partir dun mesmo modelo —o fillo do autor—, exploran a intimidade, a soidade e a sensibilidade humana a través de escenas cotiás e de figuras presentes no imaxinario colectivo.

O músico, o lector ou o Pierrot son algúns dos protagonistas deste percorrido, no que Pateiro ofrece a súa interpretación de temas representados ao longo da historia da arte. A composición, a luz, a gama cromática, os formatos e as técnicas empregadas achegan unha identidade propia a cada peza e permiten descubrir diferentes maneiras de mirar unha mesma realidade.

A exposición transita entre representacións máis realistas e outras próximas á abstracción. En “A Forest”, por exemplo, o artista sitúa ao neno nun bosque construído mediante pinceladas soltas e vibrantes, que evocan a natureza e convidan ao espectador a completar coa súa mirada ese espazo imaxinado.

Fronte a estas composicións, as obras dedicadas á soidade recorren á austeridade da tinta sobre papel e aos pequenos formatos. Nelas, uns poucos trazos concentran a atención na historia e na emoción da escena, prescindindo de elementos ornamentais.

Óleos sobre lenzo e táboa, xunto con traballos en tinta sobre papel, conforman unha proposta na que a quietude das escenas e a diversidade de recursos plásticos serven para abordar emocións universais. “El aprendiz de arquero” convida así a achegarse á capacidade da pintura para expresar vivencias e sentimentos que resultan difíciles de trasladar ás palabras.

Comparte este artigo