A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou 25 acordos na súa sesión ordinaria desta semana, que tivo lugar ao mediodía de hoxe no salón de plenos. A orde do día incluía 25 propostas presentadas polos servizos municipais de Licenzas (5), Aperturas (1), Disciplina (1), Contratación (3), Recursos Humanos (11), Xestión económica e orzamentaria (2) e Alcaldía (2).
Licenzas. Concedeu as licenzas de obras para os proxectos de:
- construción dun edificio para vivendas na Avenida de Zamora
- rehabilitación dun edificio de vivendas na rúa do Progreso
- reforma da cuberta dunha edificación na rúa Leiras Pulpeiro
- reforma da cuberta e os patios interiores dun inmoble na rúa do Paseo
- adaptación a vivenda do baixo dun edificio da rúa Antonio Puga.
Aperturas. Outorgou a licenza de obra para o proxecto de construción dun muro de contención e unha soleira de formigón (Fase 1) no Centro de procesado avícola de Coren en Santa Cruz de Arrabaldo.
Disciplina. Desestimou o recurso interposto por unha mercantil contra a liquidación definitiva dos gastos que implicaron as actuacións de urxencia realizadas tralo desprendemento do muro do edificio situado entre o inmoble número 7 da rúa Fonte do Monte e o Colexio Cardenal Cisneros, por un importe de 181.839,68 euros. Unha cantidade que o Concello lle requiriu á dita mercantil como responsable do dano ocasionado.
Contratación. Elevará dúas propostas de resolución ao Consello Consultivo de Galicia, en cumprimento do establecido na Lei de Contratos do Sector Público (LCSP):
- Acordar a resolución dos contratos de execución dos proxectos de humanización da Avenida de Portugal (tramos 1 e 2), declarar expresamente que a causa de resolución do contrato implica a culpabilidade da empresa adxudicataria e, en consecuencia, incautar as garantías prestadas.
Tamén acordou corrixir un erro nun acordo dunha sesión anterior.
Persoal e recursos humanos. Inadmitiu once recursos administrativos interpostos contra o acordo de aprobación da Oferta de Emprego Público de promoción interna correspondente ao exercicio 2026 para diversas prazas de Oficial e Inspector da Policía Local
Alcaldía. Aprobou tres facturas do servizo de limpeza dos centros de educación infantil e primaria dependentes do Concello, correspondentes ao mes de decembro de 2025. Tamén acordou determinar o gasto comprometido da anualidade 2026 para a atención dos servizos postais e telegráficos, por importe de 407.243,60 euros, ao abeiro do contrato centralizado da Federación Galega de Municipios e Provincias.
Xestión económica e orzamentaria. Aprobou dúas relacións de facturas, correspondentes a gastos realizados en exercicios anteriores, que non puideron seguir a tramitación ordinaria para a súa aprobación nos devanditos exercicios.

