A Xunta de Goberno Local aprobou 27 acordos na súa sesión ordinaria desta semana, que se desenvolveu esta mañá no salón de plenos do Concello.
Licenzas (7) Conceder as licenzas urbanísticas de obra para os proxectos de acondicionamento dun local para garaxe-aparcamento privado, no baixo dun edificio da rúa Río Navea; para a instalación de ascensor nun edificio na rúa Río Mao, para a construción dunha vivenda unifamiliar na estrada a Sabadelle, Velle, para a demolición dun inmoble na Avenida de Buenos Aires e para a construción dunha vivenda unifamiliar acaroada en Tarascón. A Xunta Local tamén acordou admitir o recurso dunha particular contra un acordo anterior do mesmo órgano e deuse por enterada do troco do titular da licenza de obra para a adecuación funcional e remodelación de 11 vivendas na rúa Río Arenteiro
Aperturas (1) Conceder a licenza de obra para o proxecto de adaptación de local para ximnasio nas galerías comerciais situadas entre as rúas Progreso e Reza
Patrimonio (5) Requirir dúas aseguradoras para que paguen ao Concello indemnizacións por danos causados por vehículos na rúa Pardo de Cela e na glorieta de Ervedelo. Tamén aprobou desestimar un recurso relativo a unha reclamación de responsabilidade patrimonial e estimar a solicitude dunha particular e recoñecer que unha parcela en Valdorregueiro, Cudeiro, que figura no Inventario de Bens do Concello, non é de titularidade municipal.
Contratación (1) Acordar a prórroga por 1 ano do contrato do servizo de conservación, reparación, verificación e substitución de pezas de equipos de impresión de diferentes marcas (Lote 1)
Xestión económica e orzamentaria (1) Aprobar unha relación de facturas correspondentes a gastos realizados no exercicio 2023, que non puideron seguir a tramitación ordinaria para a súa aprobación no devandito exercicio.
Avogacía Consistorial (12) A Xunta Local deu conta dunha sentenza ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, doutra do Xulgado de Instrución número 2 de Ourense, dunha sentenza e 2 autos do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Ourense e de 3 sentenzas do número 2. Ademais, o Concello deberá comparecer diante do Contencioso-Administrativo número 1 de Ourense nun procedemento ordinario e noutro abreviado e diante do número 2, en 2 abreviados.