Avante Ourense denuncia que a precampaña converte o Pleno nun “Circo Municipal”

Redacción

Francisco Diéguez: ‘’Señoras e señores, o Circo Municipal abre de novo as súas portas. Pensabamos que, despois do vivido nos últimos anos no Concello de Ourense, era difícil superar o espectáculo, pero estabamos equivocados. Hoxe tivemos un novo número: a expulsión do portavoz do BNG do Pleno. E aínda quedan oito meses para as eleccións!”

Avante Ourense considera que a expulsión do portavoz do BNG, Luís Seara, do Pleno municipal supón un novo episodio da crecente confrontación política no Concello de Ourense, nun momento no que a precampaña das municipais de 2027 xa está en marcha.

Desde a formación consideran que “o ton sobe, a confrontación aumenta e os cálculos electorais comezan a ocupar cada vez máis espazo”, mentres os problemas da cidade continúan á espera de solucións.

Avante Ourense advirte de que o problema vai máis alá do acontecido hoxe.
“Levamos anos cun Concello marcado polos enfrontamentos, as polémicas e a falta de acordos. Agora que se achegan as eleccións, a tensión aumenta e cada pleno corre o risco de converterse nun novo capítulo da precampaña”.

A formación reclama que os próximos meses non se convertan nunha competición polo titular máis rechamante. “Ourense merece que se fale de proxectos, propostas e solucións. A política municipal non pode reducirse a ver quen protagoniza o seguinte número do espectáculo”.

Avante Ourense considera que a cidadanía merece unha política municipal na que as diferenzas se confronten con argumentos e propostas. A formación reclama que o Pleno recupere a súa función como espazo de debate sobre os problemas da cidade e non como escenario dunha campaña electoral permanente.
“Quedan oito meses e xa estamos vendo os primeiros números da función.
Agardamos que PP, PSOE, BNG e Democracia Ourensana lembren que ata maio de 2027 aínda queda moita cidade que gobernar e moita oposición que facer. Ourense non necesita máis circo. Necesita solucións”, conclúe Diéguez

Comparte este artigo