A Xunta de Goberno Local aprobou 35 acordos na súa sesión ordinaria desta semana

Redacción
Lectura mínima de 4

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou 35 acordos na súa sesión ordinaria desta semana, que se desenvolveu hoxe pola mañá no salón de plenos.

Licenzas (6): Concedeu as licenzas para instalar ascensores nun edificio da rúa Río Támega e noutro da Praza Recanto do Caravel; para construír un almacén agrícola no Camiño do Campamento, Abelaira-Castro de Beiro; para adaptar a garaxe un baixo na rúa Mercado e para adaptar outro baixo a vivenda na rúa do Seminario. Tamén acordou declarar a caducidade dunha licenza de obras na rúa do Paseo.

Patrimonio (3): Desestimou un recurso de reposición e inadmitiu unha reclamación de responsabilidade patrimonial por caídas na vía pública. Tamén acordou requirir a unha compañía aseguradora que pague unha indemnización ao Concello polos danos causados por un vehículo nun sinal na avenida da Universidade.

Planeamento (1): Aprobou inicialmente o Estudo de detalle para a ordenación de volumes edificables e adaptación e reaxuste de aliñacións e rasantes nas parcelas definidas na modificación puntual da zona 5 do Solo Urbano 46 do Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOU). O expediente someterase a información pública polo prazo dun mes.

Infraestruturas (5): Aprobou cinco pagos de costas procesuais.

Contratación (1): Rectificou un erro material no prego da contratación do servizo de limpeza dos centros educativos.

Participación Cidadá (3): Aprobou as bases reguladoras e as convocatorias para seleccionar os proxectos que serán incluídos no programa de envellecemento activo 2026/2027, e na programación de actividades dos centros cívicos municipais, nas modalidades infantil e de persoas adultas.

Policía Local (1): Aprobou dúas facturas do servizo de conservación e mantemento das instalacións semafóricas de control de tráfico.

Persoal (2): Validou a omisión da función interventora e o gasto relativo ao abono das retribucións derivadas dunha atribución temporal de funcións. Tamén acordou inadmitir un recurso de reposición interposto polo sindicato SPPME e anular, de oficio, o acordo da Xunta de Goberno Local do día 26 de febreiro de 2026 polo que se aprobou a Oferta de Emprego Público interna correspondente ao exercicio 2026, deixándoo sen efecto. A Xunta de Goberno declara tamén que o acordo anulado non produciu efectos xurídicos fronte a terceiros nin xerou dereitos subxectivos, ao non ter sido obxecto de publicación oficial

Avogacía Consistorial (12): Deu conta de 7 sentenzas e un auto ditados por diferentes xulgados. Ademais, o Concello foi emprazado para comparecer en tres procedementos abreviados e nun ordinario diante dos tribunais de instancia da sección do contencioso-administrativo, prazas número 1 e 2 de Ourense.

Fóra da orde do día (1): Aprobou o expediente para contratar as obras do proxecto de construción de refuxios climáticos en varias rúas do Concello de Ourense, financiado integramente pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, en desenvolvemento do convenio de colaboración asinado o 23 de xaneiro de 2026. Esta actuación ten un orzamento de licitación de 340.000 euros, IVE engadido. Tamén se dispón a apertura do procedemento de adxudicación, aberto simplificado e con tramitación urxente.

Comparte este artigo