A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou 11 acordos na sesión que se desenvolveu esta mañá no salón de plenos.
Licenzas (4). Concedeu as licenzas de obra para o proxecto modificado básico e de execución de rehabilitación arquitectónica do antigo Pazo Episcopal – Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, por parte do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, e para a execución dun muro de contención de terras entre as rúas Eligio González e Cesáreo González (Barrocás). Tamén concedeu unha licenza de agregación-segregación na rúa Bidueiro e tivo por desistida unha solicitude de licenza de obras na rúa Viriato.
Aperturas (2). Outorgou a licenza de obra para a reforma dun baixo na rúa Carriarico para 2 apartamentos turísticos e rectificou un punto dun acordo dunha xunta de goberno anterior.
Patrimonio (2). Acordou inadmitir 2 reclamacións de responsabilidade patrimonial.
Contratación (2). Adxudicou o contrato das obras de restauración da pasarela sobre o río Miño en Outariz. Os traballos serán realizados pola empresa Mistura, Obras e Proxectos, S.A., que presentou a mellor oferta en relación de calidade e prezo: 1.583.543,94 euros (IVE incluído), o que supón unha baixa do 3,85%, e unha ampliación a 4 anos do prazo de garantía.
O proxecto está financiado polo Concello de Ourense en máis dun 99% e cofinanciado na parte restante pola Deputación Provincial de Ourense con cargo ao Programa especial de cooperación ás obras promovidas polo Concello de Ourense.
Tamén aprobou o expediente para contratar por lotes o servizo de mantemento e conservación da sinalización horizontal e vertical de tráfico do Concello de Ourense, cun orzamento de licitación de 400.000 euros por un período de 2 anos (200.000 por ano).
Asuntos Sociais (1). Aprobou as bases reguladoras e a convocatoria para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a asociacións e entidades sen ánimo de lucro en materia de servizos sociais do Concello de Ourense.
Cun orzamento total de 325.000 euros, darán apoio ao financiamento de programas de actividades de prestación de servizos sociais dirixidos de forma prioritaria a persoas ou colectivos en situación de vulnerabilidade social que se realicen no termo municipal de Ourense.
As entidades disporán dun prazo dun mes para presentar as súas solicitudes, que comezará a contar ao día seguinte da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Ourense.

