Avanta Ourense propón destinar 200.000 euros anuais a mobilizar vivenda baleira e ampliar o parque público

Redacción

Francisco Diéguez: ‘’Unha experiencia educativa no estranxeiro pode durar unhas semanas. Unha política de vivenda pode permitir que unha persoa ou unha familia poida seguir vivindo en Ourense durante anos. Non dicimos que unha cousa non sexa importante; dicimos que o Concello ten que decidir tamén que necesidades estruturais quere afrontar cos seus recursos.”

A organización formula unha contraproposta á iniciativa do PSOE para destinar 200.000 euros a un programa de inmersión lingüística para alumnado de 3º da ESO.

Avante Ourense formula unha contraproposta á iniciativa presentada polo PSOE no Concello de Ourense, que propón reservar 200.000 euros para unha primeira edición en 2027 do programa «Ourense en Inglés», destinado a un mínimo de 50 estudantes de 3º da ESO.

A organización considera que aprender inglés e facilitar oportunidades educativas á mocidade son obxectivos importantes, pero propón que esa mesma capacidade de investimento municipal se destine a unha necesidade estrutural como o acceso á vivenda.

Por iso, Avante Ourense propón crear un Programa Municipal de Vivenda Pública e Alugueiro Social, dotado inicialmente con 200.000 euros anuais, para adquirir e rehabilitar inmobles e, sobre todo, mobilizar vivendas actualmente baleiras cara ao alugueiro accesible.
“Non cuestionamos que aprender inglés sexa importante. O que propoñemos é preguntarnos que pode facer o Concello con 200.000 euros para resolver un problema que está expulsando a persoas e familias da nosa cidade: o acceso á vivenda.” afirma Diéguez.

A proposta incorpora un sistema público de garantías para propietarios de vivendas baleiras. O Concello asumiría, nas condicións establecidas polo programa e conforme á normativa aplicable, os riscos económicos asociados ao
alugueiro a cambio de que a vivenda se destine durante un período mínimo ao alugueiro accesible e con criterios sociais.

Avante propón ademais que as vivendas residenciais que permanezan baleiras de forma permanente e sen causa xustificada e non se incorporen aos mecanismos públicos de mobilización soporten o máximo recargo do IBI permitido pola lei, sempre conforme aos requisitos e procedementos legalmente establecidos.

O programa establecería como obxectivo inicial mobilizar ou incorporar polo menos 100 vivendas nos primeiros catro anos, combinando a creación de parque público coa mobilización de vivenda privada mediante garantías públicas, e incluiría a publicación anual dos resultados.

Comparte este artigo